O historiador Diego Piay dá a coñecer o legado inédito de María Vinyals
Diego Piay é historiador, especialista na Antigüidade. O seu andar pola vida de María Vinyals, di, é froito “da obstinación e da fortuna”. Pero antes foino da oportunidade. A finais de 2017, a raíz dunha colaboración previa, o servizo de Turismo da Deputación de Pontevedra propúxolle participar no proxecto de musealización do Castelo de Soutomaior, que acababa de iniciar.
Piay recibiu a encarga de realizar unha investigación rigorosa de todas as persoas propietarias da fortaleza ao longo da súa historia. Foia así, nese percorrido, como María Vinyals apareceu na súa vida, “ao se converter en herdeira do castelo en 1908, tras a morte de seu tío Antonio Aguilar y Correa, marqués de Mos y de la Vega de Armijo.
Material inédito
Escribir un libro sobre a vida de María Vinyals non estaba nos seus plans. “Eu tan só quería recoller toda a información posíbel sobre esa muller nada en Soutomaior en 1875 que transcendeu polo seu activismo político”.
Esa porfía abriulle as portas cara Vigo, Porto, Madrid, Barcelona, Francia, Cuba e América do Norte. Unha andaina que, á súa vez, lle permitiu acceder a numeroso material inédito, documental, gráfico e de testemuñas orais. “Como historiador, cando tiven diante de min todas esas fotografías, cadernos e documentos familiares orixinais, sentinme na obriga de compartila. Creo que era o meu deber, e foi aí cando decidín poñerme a escribir”, afirma o autor.
O caderno de Emilia
Segundo explica Diego Piay, unha mestura de sorte e tenacidade “levoume a atopar unha descendente indirecta de María Vinyals, moi interesada en recuperar a historia da súa familia”. Sofía Sampaio é bisneta de Emilia Lluria, filla de Enrique Lluria, o médico cubano que en 1909 casou en segundas nupcias con Vinyals e se instalou en Soutomaior canda os seus fillos. Na súa casa, Sofía garda boa parte da documentación inédita que agora sae á luz da man de Alvarellos Editora.
"Sete vidas baixo a sobra dun castelo”
A contribución de Sofía Sampaio é clave para o volume que Diego Piay acaba de presentar. Un ensaio rigoroso da vida de María Vinyals; desa muller culta, feminista, escritora, historiadora, tan preocupada pola sociedade do seu tempo. Pero máis aló desa figura precursora, xa difundida, o autor procurou un enfoque máis amplo capaz de retratar todas as facetas da súa existencia.
O meu é un relato histórico, rigoroso e emocionante da vida persoal e familiar de maría Vinyals.
“Reducir a personaxe á súa dimensión pioneira é normal, pero non é suficiente, por iso aproveito a súa figura para facer un percorrido polas vidas das sete persoas da familia que viviron no castelo de Soutomaior entre 1910 e 1917”. O seu, advirte Piay, é un relato sentimental. “Histórico, rigoroso e emocionante”, que se completa cunha carta cedida pola familia de Mercedes Fernández, outra das figuras esenciais que fixeron posíbel esta historia, dalgún xeito, aínda inacabada.
"A día de hoxe sigo descubrindo detalles da vida de Vinyals e dos seus descendentes. A miña rede de contactos mundial segue viva e en calquera momento revélame novos datos sobre a súa historia”, conclúe.