Un Castelao inédito precursor de 'O probe Xan' da revista 'Nós'

Debuxo de Castelao recollido no caderno 'Autographs', 1916 (Alvarellos Editora).
O legado inédito de María Vinyals, escritora, feminista e activista social nada no castelo de Soutomaior en 1875 sae a luz da man de Alvarellos Editora e da Deputación de Pontevedra, a raíz dunha investigación do historiador Diego Piay. O seu traballo revela un debuxo inédito de Castelao.

O caderno que lle regalaron a Emilia Lluria cando era unha mociña garda autógrafos, dedicatorias, pensamentos, reflexións e debuxos dos convidados máis ilustres que visitaron o castelo de Soutomaior na segunda década do século XX.

O álbum privado chegou ás mans do historiador Diego Piay após iniciar unha investigación a finais de 2017 para coñecer a historia de todas as persoas propietarias do Castelo de Soutomaior por encargo da deputación de Pontevedra, no marco do proxecto de musealización da fortaleza. A peza, herdouna de Sofía Sampaio, bisneta de Emilia Lluria, segundo conta no libro María Vinyals, a muller do porvir. Sete vidas baixo a sombra dun castelo.

En xullo de 1916, chegou á fortaleza medieval de Mos un grupo de intelectuais convidados pola Xunta Directiva da Sociedade Recreo de Artesanos de Pontevedra, entre os que se atopa Castelao.

Segundo recolle Miguel A

nxo Seixas na primeira entrega biográfica do artista de Rianxo, Castealo. Construtor da nación, 1886-1930, o domingo día 9 do mes da sega, uns vinte excursionistas concentráronse diante do Hotel Progreso para coller un autobús que os levase a Soutomarior. Chegaron pouco despois do mediodía.

"Os propietarios, o doutor Enrique Lluria Despau e a súa dona, a escritora e pintora María Vinyals y Ferrés, fanlles o recibimento", escribe Seixas, e sengundo relata a Sermos Galiza, todo apunta a que foi durante esa visita cando Castelao debuxou no caderno de Emilia Lluria un home sentado, sen un brazo, pedindo esmola. Debaixo da ilustración pódese ler: 'Unha limosna, hermano, que me ha dejado inútil la Guardia Civil'.

Un esbozo de 'O probe Xan'

Miguel Anxo Seixas recoñece que non sabía da existencia deste esbozo ata a publicación da obra de Diego Piay. "Cadernos como o que agora sae á luz son habituais entre as familias burguesas. Moitas contan con álbumes privados ilustrados e dedicados polas visitas máis ilustres que recibían nas súas casas".

A peza, di, é previa a outras, case idénticas, que se difundiron máis adiante no tempo. "Garda relación con O probe Xan, unha lámina publicada en 1931 no nº 6 de Nós, elaborado entre 1916 e 1918".

O debuxo de Castelao garda relación con O probe Xan, unha lámina publicada en 1931 no nº 6 de Nós, elaborado entre 1916 e 1918. Podería ser un primordio ou un esbozo.

Pero existen outras versións, engade, moi similares, "que se reproducen en La Hoja Oficial del Lunes, A Coruña, o 17 de abril de 1917, e tamén en A Nosa Terra, o 20 de setembro do mesmo ano; baixo a que escribe: '-N’ô Son por querer sere... ¡Unha esmola¡', unha alusión á matanza de Nebra, Porto do Son, o 12 de outubro de 1916". Ademais, recolle na súa obra, "en A Nosa Terra do 25 de febreiro de 1919, explicaban: 'Que ficou inútil por mor dunha bala de máuser'".

O de Lluria, finaliza, "podería ser un primordio ou un esbozo de todos estes".