Un himno "pegañento" contra os amores e as especies invasoras

Após triunfar cunha das cancións do verán galego xunto ao artista luso Quim Barreiros, Os Vacalouras propoñen outro adianto do seu futuro disco que levará por título 'Xuventude Prexubilada'. Nesta ocasión, animan a gozar e bailxar coa 'Acacia negra'.
Un fotograma do vídeoclip de 'Acacia negra'. (Foto: Os Vacalouras)
photo_camera Un fotograma do vídeoclip de 'Acacia negra'. (Foto: Os Vacalouras)

Despois de triunfar no verán cun dos temas propios desa estación, ademais da man do artista portugués Quim Barreiros, Os Vacalouras volven facer unha incursión no mercado musical cunha canción de crítica social.

Coa simpatía que sempre caracteriza a esta banda, o sinxelo e o videoclip ‘Acacia negra’ alerta de que ese planta tan apreciada por moitas e moitos galegos non é máis que outra especie invasora desas coas que loitan as entidades ecoloxistas.

Veciña do eucalipto aló por Australia, esta flor é “moi difícil de controlar” e está “moi estendida polo suroeste galego”.

Xogando cos dobres sentidos, o grupo propón unha “alegoría entre o carácter invasor desta especie e unha relación amorosa tóxica ou de dependencia”.

Así a venden e así se comproba desde a primeira escoita.

Esta canción vai máis aló do divertimento, é unha crítica social da que presumen Os Vacalouras ao presentala en sociedade reflexionando sobre “a mala xestión forestal neste país”.

Así, a denuncia é dobre: as especies invasoras e a falta dunha loita decidida das administracións contra elas -non hai máis que atender ás denuncias sociais sobre a moratoria do eucalipto- e o “concepto de amor romántico no seu sentido máis nocivo”. 

A nova película musical dos Vacalouras foi rodada no monte da Guía (Teis), escollido polas estrelas convidadas en forma de eucaliptos, acacias e unllas de gato, baixo a dirección de Sandra Romero.

E así cantan “ademais de mala herba, tes carácter de invasora” ou “non hai xeito nin maneira de botarte fóra”.

Agora xa podes gozar do tema tanto en Youtube como nas diferentes plataformas dixitais. Prepárate para un ritmo tan pegañento como o son as especies invasoras coa terra galega. En breve chegará o momento de gozar da Xuventude Prexubilada, o disco que prepara a banda.

Precisamente dese disco tamén formará parte outro adianto, cun vídeoclip igualmente sorprendente e divertido. Trátase de 'Fedes a faiado' no que lanzan versos como "xa non saes da casa", "acababas na comisaría" ou "estás feito un vello, estás acabado".

Comentarios