Henrique Monteagudo: “Inventar a teoría da conspiración é irresponsábel e pon en perigo a Academia”

Membro do Instituto da Lingua Galega e profesor da Universidade de Santiago, Henrique Monteagudo, entrou hai un ano como numerario da Real Academia Galega converténdose no máis novo dos que teñen cadeira en Tabernas. Unha das tres persoas que avalaban entón a súa entrada, o secretario da institución Xosé Luís Axeitos, acaba de o acusar de ser a cabeza dunha “conspiración” que levou á demisión de Xosé Luís Méndez Ferrín.
Henrique Monteagudo
photo_camera Henrique Monteagudo


-Cal é o detonante da crise que está a sufrir a Academia?

O que provoca esta reacción absolutamente desproporcionada por parte da dirección da Academia son as denuncias que aparecen en determinados medios en que se atribúen contratacións a pesoas concretas relacionadas con membros da executiva.

-A partir diso como se chega a esta situación de desencontro?

Trátase dunha estratexia da cortina de fume. Cando se piden explicacións que, en principio, serían sinxelas de dar o que se recibe é unha resposta asombrosa que pon en cuestión a institución coa introdución de elementos como loita polo poder, descualificación dos membros... sen sustento de ningún tipo. Sen dar nomes nin datos, empregando o rumor e a inxuria. Se hai algunha acusación concreta que se queira facer o normal é poñelo sobre a mesa e dar dados. Inventan, pola contra, unha novela arredor dunha conspiración. O que se está a facer é irresponsábel. No mundo que vivimos, o normal é dar resposta cando a unha institución se lle fan preguntas. Iso é o que se agarda en democracia.

-Alguén na Academia está contento coa marcha de Ferrín?

Ninguén. En ningún momento se puxo sobre a mesa ese tema. Cando anuncia que marcha, as reaccións foron de sorpresa e descontento. O bon para toda a Academia sería que Ferrín rematase o seu mandato.

"O bon para toda a Academia sería Ferrín rematar o seu mandato"

-Quen ten interese en presidir a Academia? Alguén ten intención de controlar a institución?

Cando se produciu o relevo da presidencia, o único candidato foi Ferrín e non se tivo que enfrontar a ningunha oposición. Foi un acordo unánime e todos  sentímonos moi contentes polo que el representaba, pola súa traxectoria literaria e persoal. Na miña idea, a chegada de Xosé Luís Méndez Ferrín cambiaría tamén a propia imaxe da Academia. A súa xestión tivo elementos moi positivos, mais tamén demostrou nalgunhas ocasións falta de talante institucional. Dicir que o manifesto “O xogo das Cadeiras” que promovía a entrada de mulleres na RAG era unha “campaña cínica” non ten xustificación. Non se pode insultar a cidadáns que promoven unha iniciativa como esta; demostrou falta de reflexos institucionais.

-Como se pode resolver esta situación?

A iniciativa de como se deben arranxar as cousas correspóndelle á directiva. Se me sorprendeu a carta de renuncia, máis me sorprende o que está a acontecer agora. Estase a facer unha xestión desastrosa e é a institución a que está pagando. Estou preocupado polo futuro da RAG.

-O secretario da RAG, Xosé Luís Axeitos, vén de falar de vostede como “portavoz dos conspiradores”.

Esa acusación é seguir alimentando unha fábula. Eu aparecín dando as miñas opinións cando outros optaron polo silencio. Esa afirmación responde a quen vive nun mundo de película, non real. As cuestións que desencadean a crise saen na imprensa e moitos nos enteramos polos medios. Eses temas seguen sen ter resposta. Se hai contratacións irregulares hai que explicalo dentro e tamén cara fóra cunha rolda de imprensa para que a Academia non se resinta. Esa é a forma de actuar nun país democrático. A solución non é saír nun meio concreto atacando académicos e a propia institución e non aclarando o que se reclama. De todas maneiras, o presidente da RAG ten que esclarecer se as declaracións do secretario están feitas a título persoal ou responden á opinión da executiva.

"Se hai contratacións irregulares hai que explicalo dentro e tamén cara fóra"

-Os académicos que o esixiron van manter a demanda dunha xestión transparente?

Podo adiantar cal é a miña opinión, xa que non hai unha acción conxunta de ningún grupo de académicos. O que fixen na RAG fíxeno a título individual. A resposta depende de como se presenten as cousas Se hai unha renuncia do presidente irá acompañada da renuncia da directiva e tería que facerse o relevo. O secretario está inhabilitado para presidir a Academia e, a verdade, é que neste momento é difícil o relevo. De todas maneiras, a RAG precisa unha xestión transparente.

-Polo "Chamamento polo galego", que vostede promoveu, póñeno no punto de mira das presións para a retirada do recurso contra o decreto.

Trátase dunha historia inventada a posteriori. Cando promovín con outras persoas moi variadas a iniciativa, non tiñamos nin idea do que ía acontecer despois coa Academia. Calquera que lea o chamamento pode ver con claridade que non vai dirixido á Academia, que non está nin citada, senón ao presidente da Xunta, institución á que presionamos. Pedímoslle á Xunta que non leve a Madrid o recurso de casación, mais tamén argumentamos, na propia presentación pública, que estamos a favor dos recursos que se presentaron previamente. Agradecemos aos sindicatos, asociacións e á Academia que se opuxeran desa maneira ao decreto. O que se está a dicir agora é “conspiranoico” puro e duro.

Comentarios