'Confín dos verdes castros e valeroso clan!'

Heitor Picallo: "Así como o fume avisa do lume, a voz do pobo alerta da presenza de restos arqueolóxicos"

O investigador  dá conta de Castrolandín (Cuntis). Infórmanos dos resultados das campañas efectuadas até da data. Desde a primeira, en 2004, con Xurxo Ayán á fronte e nas seguintes (2005-2009), baixo a dirección de Carlos Otero Vilariño, até a máis recente (abril de 2021). Unha nova entrega do coleccionábel 'Confín dos verdes castros e valeroso clan!'

Heitor Picallo
photo_camera Heitor Picallo

Na entrega sobre Castrolandín, en Cuntis, relata varias lendas sobre o folclore que teñen similitudes con outras da Galiza enteira. Mais, sabes se nos outros castros de Cuntis -ou na contorna- tamén hai lendas semellantes ás deste? Que consideras que queren transmitir cando se orixinaron (medo, precaución, o mundo do alén en conexión co terreal, outros...)?

Si hai moitas lendas, o folclore aínda continúa vivo. Alén das que se citan no meu texto, unha manchea ben grande xa foran recollidas outrora polo alumnado do CPI Aurelio Marcelio Rey (Cuntis) e, tempo atrás, por técnicos do Museo de Pontevedra (Xosé Fuentes Alende, entre outras persoas). Existe algunha lenda realmente fantástica –como a vinculada coa Torre dos Mouros e o Castro Sevil, na freguesía de Cequeril–.

Así e todo, as trabes de ouro (e as de alcatrán), as mouras e a galiña cos pitos sempre asexan por onde hai algún testemuño do pasado. Así como o fume avisa do lume, a voz do pobo alerta da presenza de restos arqueolóxicos ou feitos históricos. Considero que todas estas voces son un rescaldo dunha realidade que hogano –agás para as persoas especialistas en antropoloxía– se nos escapan un chisco no que atinxe á súa interpretación.

Porén, é importante continuarmos a darlle vida á voz das persoas que nos preceden transmitindo o seu imaxinario, as súas lendas, as súas tradicións, a toponimia coa que designaron o seu (o noso) mundo... Porque isto tamén é patrimonio.

Hai sempre un certo debate entre como se debe abordar a escavación dun castro, se por medio do voluntariado, para involucrar á comunidade máis próxima, ou se debe recaer exclusivamente en persoas profesionais. Que opinas sobre isto? Debe ser compatíbel? É positiva a interacción do patrimonio coa comunidade local, v.g. en relación á noite de San Xoán?

Está claro que mercé da permeabilidade que houbo entre os equipos técnicos e a veciñanza, Castrolandín resultou un éxito. Porque, en resumo, as persoas que estiveron á fronte do mesmo conseguiron desenvolver un importante labor pedagóxico, conseguiron vincular e culturizar. Como sempre di Francisco Pillado, entender a cultura como algo de calidade e que nos fai felices.

Por mor diso, coido que xa deixo entrever que eu aposto polos equipos de traballo mixto: voluntariado e profesionais da arqueoloxía. Agora que se fala tanto da transversalidade, dos grupos de investigación inter e multidisciplinares, que é se non esa colaboración entre pobo e arqueólogos? O resultado está aí: ninguén do concello de Cuntis ousa en criticar tal proxecto! E por algo será.

A cerámica é un dos elementos fortes de Castrolandín asociados á Fundación Terra Termarum. Coida que sería exportábel este tipo de proxectos didácticos a outras escavacións ou, reformulando a pregunta, como lograr unha maior atención de todos os públicos -pequenos e maiores- co patrimonio galego. Que resta por facer ou como se debe facer?

A sorte do laboratorio cerámico de Terra Termarum, dende o meu punto de vista, primeiramente é grazas á propia responsábel que está á fronte, Sandra Obarrio. Unha profesional, formada, informada e que sabe trasladar as súas experiencias ás crianzas (e aos que tamén gastamos bastantes anos).

Por outra banda –e falo dende fóra da fundación– considero que todo o mundo (representantes do padroado, da administración, da comunidade de montes, profesionais da arqueoloxía e a veciñanza...) sempre souberon varrer para dentro. Así as cousas, malia erros (que sempre os vai haber), Castrolandín segue vivo. E en relación a se é extrapolábel a outros lugares, eu coido que si. Pero ha depender deses factores sinerxéticos, da retroalimentación e do fomento dos valores positivos.

Cara a onde cre que debe evoluír Castrolandín?

Pois coido que cara a tres vertentes fundamentais, malia a seguir apuntalando as súas trabes mestras (concienciación, participación, social e laboratorio cerámico). Estas serían:

- Continuar coa realización de estudos arqueolóxicos.
-Desenvolver o proxecto da nova sede da Fundación Terra Termarum, dotándoa de máis zonas expositivas e espazos museográficos.
-Lanzar publicacións didácticas dende a súa sede, sufragadas polas administracións públicas. Un país está activo e vivo, se investiga, divulga e promociona. Galiza ten que ollar cara ao que se fai en tantos recunchos de Europa, e Cuntis en particular. A cultura (arqueoloxía, patrimonio, lingua –evidentemente–, imaxinario colectivo...) amais da conservación dos espazos naturais outorgan valor e calidade a un territorio e, por extensión –a un país– neste caso, a Galiza.

Subscríbete

As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos.

Comentarios