“O que hai que facer para non ir ao mar”, unha historia de amor arredor do teatro

“O que hai que facer para non ir ao mar. Unha viaxe a través do teatro galego”, é un documental que recorre a historia da escena galega na segunda metade do século XX mais tamén é a historia de amor de Iago -director- e Uxía -protagonista- polos seus pais, o actor Tuto Vázquez e a actriz María José Mosteiro. 

Tuto e Uxía Vázquez
photo_camera Tuto e Uxía Vázquez

A través de actores e actrices como Agustín Vega, Xosé Vilarelle, Amparo Gómez, Elina Luaces, Luísa Merelas, Amalia Gómez, Manuel Lourenzo, Santiago Fernández, Miguel Pernas, Eduardo Alonso, Lino Braxe e Xulio Lago co fío condutor de Uxía Vázquez construirase a historia recente do teatro galego con dous protagonistas estelares, o actor Tuto Vázquez e a actriz María José Mosteiro. 

“O que hai que facer para non ir ao mar” toma nome dunha expresión que a miúdo repetía Tuto Vázquez, coa retranca que deitou tamén nalgúns dos seus máis populares personaxes e que facía referencia ao destino dos homes que o precederon. Dirixido por Iago Vázquez, fillo de Tuto Vázquez e María José Mosteiro, e conducido por Uxía, a súa irmá, o documental está a buscar financiamento a través dunha campaña de crowfunding que se iniciou o pasado 17 de febreiro e remata dentro de dúas semanas. Leva recadados arredor de 5.000 dos 8.000 € que precisan para a súa produción. O enlace para colaborar é: http://vkm.is/oquehaiquefacer.

A historia tamén da familia

Tanto Iago como Uxía viviron na súa propia historia familiar ese renacer do teatro galego no que seus pais partillaban. “Pensamos que era preciso facerlle unha homenaxe a aqueles homes e mulleres que collían unha furgoneta e percorrían o país, ás veces en teatros sen vestiarios e mortos de frío para que o teatro chegase a todas partes”, explica Uxía Vázquez, que herdou de Tuto e María José o amor polo escenario ao que sube para bailar ou para facer monólogos, o último con Lino Braxe na Tuerka. 

“Notamos moito cariño de todo o mundo, estanos contando anécdotas que nós mesmos descoñeciamos. Gravamos xa conversas con Eduardo Alonso, Agustín Vega e Elina Luaces e sempre descubrimos novos episodios. Agustín, por exemplo, contábanos que para unha obra a meu pai fixérono adelgazar e, como non o conseguiron, acabaron por poñerlle unhas alzas nos zapatos”, comenta, dalgunha das anécdotas que están coñecendo no proceso de elaboración do documental arredor dun actor que traballou arreo no teatro mais se fixo popular por participar en series como Mareas Vivas ou Padre Casares. 

Un mundo de afectos arredor da escena

Do proceso de elaboración de “O que hai que facer para non ir ao mar”, Uxía conta que están a falar con persoas coas que compartiron profesión desde os inicios. “Con Eduardo Alonso, poño por caso, falamos da creación do Centro Dramático Galego e o que supuxo aquel momento para o teatro. Con Agustín Vega, Xosé Vilarelle ou Amparo Gómez tratamos aspectos máis íntimos. Buscamos que o documental non sexa só nostálxico senón que relate a historia dese tempo de creación do teatro galego”, explica. De María José, a nai, lembra a súa independencia desde moi nova, cando, por volta dos 14 anos, comezou no mundo do teatro con Manolo Lourenzo ou Luísa Merelas, e a súa participación en proxectos como a Escola Dramática Galega ou Espello Cóncavo. Abandonou o teatro para montar unha mercería e dedicarse á familia. “A decisión de deixalo foi moi meditada e non sentín que logo tivera saudade de volver”, conta Uxía.  

O documental é, en boa medida, unha homenaxe emocionada a Tuto e María José mais tamén a todos e todas os que pularon polo teatro profesional galego. “Eles son, en certa medida, o vehículo, mais queremos que estea representada a súa xeracións, que se relaten aqueles inicios tan esperanzadores, cando todo era tan difícil pero había tanta alegría e ilusión”, explica Uxía Vázquez do proxecto no que tanto ela como o seu irmá Iago se senten tan implicados. 

Comentarios