Guiso de fabas con música, poesía e danza

Ugia Pedreira e Marina Oural

Música, poesía, danza e guiso de faba son os ingredientes da performance que Marina Oural e Ugia Pedreira  levan o sábado 25 de xaneiro á Casa das Crechas de Compostela. “Unha faba, unha vida; as fabas lobas da casa” enmárcase no coñecido como “Le Fooding”, a maridaxe de arte e comida que naceu da man de dous críticos gastronómicos franceses. 

As fabas foron prantadas por Marina Oural que as cociñou canda Ugia Pedreira, as dúas artistas protagonistas de “Unha faba, unha vida; as fabas lobas da casa” que levará o día 25 á Casa das Crechas de Compostela o fenómeno “le Fooding”, orixinario de Francia onde os dous críticos gastronómicos Enmanuel Rubin e Alexandre Cammas inauguraron a unión de comida e sentimento que prendeu como lume en cidades como Nova York, Milán ou Barcelona. 

Será esta a primeira das sesións coa faba como protagonista que terá continuidade en febreiro e marzo, desta volta con Uxía e o músico Pierrot Rougier como parceiros de Marina Oural que deseñou o proxecto para a Casa das Crechas. 

Tanto Ugia Pedreira como Marina Oural participaron xa con anterioridade no proxecto “Petiscos Musical”, un programa que nacía coa mesma filosofía de encontro entre arte e comida. 

As fabas lobas son as plantadas á beira das casas ás que se lles outorgaba importantes propiedades saudábeis e de estimulación erótica. A música íntima de Ugia dáse a man coa palabra e a danza de Mónica nesta nova experiencia creativa.