Unha gran foliada cita as pandeireteiras o 17 de maio para festexar a vida e o futuro da lingua

A asociación Somos Pandeireteiras abordará o papel central das tocadoras na transmisión da lingua.

Peón, Sanmartín, Louzao e Fernández, na presentación desta cuarta feira. (Foto: Vanesa Rábade)
Peón, Sanmartín, Louzao e Fernández, na presentación desta cuarta feira. (Foto: Vanesa Rábade)

A asociación de mulleres tocadoras Somos Pandeireteiras celebrará a súa segunda xornada pública o 17 de maio, Día das Letras Galegas. A cita, apoiada polo Concello de Santiago, deuse a coñecer esta cuarta feira en rolda de prensa. As tocadoras Mercedes Peón, Gisela Sanmartín e Ana Fernández, da xunta directiva da asociación, acompañadas da concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, presentaron os contidos do encontro, co título As tocadoras como transmisoras da lingua galega.

Somos Pandeireteiras naceu no 2021 como un espazo de reflexión para as tocadoras da Galiza, o que deu pé á celebración, en Carballo (Bergantiños), do primeiro encontro galego de pandeireteiras.

Os primeiros diálogos da xornada do 17 de maio contarán coa moderación da xornalista Pilar García Rego, quen conversará coa xunta directiva de Somos Pandeireteiras (Gisela Sanmartín, Mercedes Peón, Ana Fernández e Mar da Bouzas) e coas históricas tocadoras de Chaín, Digna Pérez Pérez e Otilia Mouriño Álvarez.

Tras as conversas, virán as mesas redondas, que estarán dirixidas por tocadoras, lingüistas, filólogas ou educadoras, á fin de poder afondar en diferentes temáticas ou problemáticas ao redor do galego e da súa transmisión. Icía Sanmartín, Lupe Blanco, Icía Varela e Maruxa Mascuñana moderarán catro mesas nas que, entre outras cuestións, se debaterá a presenza de contidos relacionados coas pandeireteiras na educación obrigatoria, a influencia das mestras de pandeireta nas persoas castelán falantes ou o grao de responsabilidade que teñen as persoas en escena con respecto á lingua.

A partir das conclusións da xornada elaborarase unha publicación. Tras o peche do encontro, terá lugar unha gran foliada de celebración no exterior do Auditorio. A intención da mesma non é outra que festexar, en comunidade, a vida e futuro da lingua.

Comentarios