O gasto dos fogares galegos en cultura incrementouse en 2021

O último documento de traballo elaborado polo Observatorio da Cultura Galega (OCG), busca analizar a situación do sector cultural galego.
Os libros incrementaron os prezos pola suba no papel.
photo_camera Os libros incrementaron os prezos pola suba no papel.

O gasto dos fogares galegos en cultura incrementouse no ano 2021, cun destacado investimento en soportes de imaxe e son e en equipos para a súa recepción, rexistro e reprodución. No que atinxe aos servizos culturais (asistencia a espectáculos ou alugueiro de accesorios culturais), detéctase un forte descenso, con cifras que se sitúan por debaixo da metade do gasto de 2019. 

Son conclusións que se extraen do último documento de traballo elaborado polo Observatorio da Cultura Galega (OCG), servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), que leva por título Conxuntura estatística do ámbito cultural. Outubro de 2022. O informe, que busca analizar a situación do sector cultural galego, subliña tamén o incremento na confianza dos consumidores.

“A confianza dos consumidores continúa a medrar, cun 62,3 % de fogares galegos que pensan saír a cear, a cafetarías, ir ao cine e ao teatro nos vindeiros tres meses”, subliña o informe, que fixa o terceiro trimestre de 2021 como a data na que se empezan a percibir “os primeiros indicios de recuperación”, aínda que tal e como apuntan as conclusións deste estudo, as cifras seguen a estar lonxe dos datos de 2019”. 

 

A variación anual do índice de prezos ao consumo mostra que os produtos relacionados co ocio e a cultura na Galiza experimentaron un aumento de prezos visibelmente inferior ao do conxunto da cesta da compra. Segundo o último dato publicado, a prensa, os libros e os artigos de papelaría son os que experimentaron o maior incremento (4 %), “probabelmente influídos pola importante suba dos prezos industriais do papel”, afirma o informe. Pola contra, os equipos audiovisuais, fotográficos e de procesamento da información rexistran unha significativa baixada (-2 %). 

Entre o segundo trimestre de 2021 e o primeiro de 2022, o número de traballadores do ámbito cultural ascendeu ata as 34 900 persoas, situándose “por encima das cifras previas á pandemia”, subliña o documento. Ademais, nese mesmo período rexístrase un incremento importante das afiliacións á Seguridade Social en todas as ramas das actividades culturais, agás na edición. 

Tamén os datos do sector exterior amosan unha evolución positiva, xa que constatan un “incremento das exportacións de produtos culturais nos últimos 12 meses con respecto aos 12 anteriores”, tal e como sinala o estudo. Así mesmo, o documento de traballo subliña que, entre agosto de 2021 e xullo de 2022, a Galiza importou 400 millóns máis en produtos culturais que os que foron exportados. 

Comentarios