Galiza Cultura cítase en Outeiro de Rei nunha nova edición do Convivio da Cultura Galega

Unha actividade anterior da Casa Museo Manuel María, en Outeiro de Rei. (Foto: Casa Museo Manuel María).
A Casa das Hortas acollerá a VIII edición do Convivio da Cultura Galega, organizada a canda Galiza Cultura, que decorrerá o próximo sábado 2 de outubro. Unha xornada de "celebración" aberta ao asociacionismo de base na que se debaterán as liñas que deben seguir para futuros proxectos culturais.

A Casa-Museo Manuel María vén de presentar a VIII edición do Convivio da Cultura Galega, un encontro aberto ao asociacionismo cultural galego. “O que viña sendo nas edicións anteriores unha romaría ou unha festa popular, dentro da cal se producía un encontro das entidades culturais de base”, agora, após acomodárense á nova situación sanitaria, “gaña protagonismo o encontro das entidades culturais sobre o aspecto festivo, que o mantemos", de momento, "nos mínimos”, informa Alberte Ansede, da Fundación Manuel María, para Nós Diario

Así, todas as galegas e galegos e entidades culturais están convidadas a participar desta xornada lúdica e festiva, de encontro e recuperación do espírito comunitario. O evento, como vén sendo habitual, desenvolverase entre a Casa-Museo Manuel María, no centro da vila de Outeiro de Rei, onde se acollerá as e os participantes a partir das 11.30 horas da mañá do sábado día 2 de outubro. Todo "ao redor da figura do poeta Manuel María, para celebrar a cultura e o traballo de base que levan a cabo as distintas asociacións culturais" no ámbito galego.

Programa

"O encontro entre as entidades centrarase fundamentalmente na programación do que queda no ano 2021 e no próximo ano 2022", explica Ansede. Mais tamén darán conta daquelas actividades que se levaron a cabo no último ano, entre as que se destaca "corrixir ou compensar a non conmemoración do ano Carvalho Calero", figura homenaxeada co Días das Letras Galegas en 2020, conta para Nós Diario Xoán Carlos Garrido, desde Galiza Cultura. Así pois, "someteranse a debate iniciativas moi potentes para a cultura galega, que van moito máis alá daquelas actuacións que poderían facer cada unha destas entidades de forma individual", valoran.

A cita comezará ás 11.30 horas, co encontro de entidades culturais que fan parte de Galiza Cultura, no que se debaterá o programa de actuación para 2021-2022, "con aquelas actividades comúns a todas as asociacións", adianta Garrido. Á mesma hora, para as persoas que non fan parte desta entidade, haberá un roteiro pola contorna do Miño con saída da Casa-Museo. "O roteiro será á beira do Miño, por espazos vinculados á obra de Manuel María”, adianta Ansede, unha camiñada por escenarios que se relacionan con vivencias do autor ou con elementos naturais "que gañan presenza na súa obra", di.

Xa ás 13.30 horas teñen preparada a tradicional ofrenda floral a Manuel María no cemiterio parroquial de Outeiro, punto no que "confluirán tanto as representantes das entidades como as persoas que acudan ao roteiro".

Logo, ás 14 horas, será o xantar de convivencia, que desta volta se desenvolverá na horta da Casa-Museo Manuel María. Deste modo, "en caso de chuvia, haberá zona cuberta para poder desenvolvelo", confirman desde a Casa-Museo. 

Após o xantar, retomaranse as actividades ás 16 horas coa presentación de iniciativas entre todas as entidades, baixo o lema “Compartir traballos, rendabilizar esforzos”. Unha fórmula para "intercambiar experiencias", apunta Garrido. "Máis alá de compartir experiencias", indica Ansede, esta xuntanza "centrarase en intercambiar actividades das diferentes entidades que forman parte de Galiza Cultura". 

Para pór o ramo á xornada, ás 17 horas contarán cunha pequena actuación musical a cargo de Jásper e Nébeda, tamén na horta da Casa-Museo.

Sumar esforzos para alcanzar a “excelencia”

"Manuel María foi un soporte fundamental para a cultura de base", comenta Garrido, por iso a Fundación érguese como o punto de encontro idóneo. “Só unha asociación cultural que teña carácter galego, nacional, pode satisfacer determinadas necesidades culturais do país”, valora desde a Fundación Manuel María Alberte Ansede. “A programación que se vai presentar", nesta VIII edición Convivio da Cultura Galega, "vai dar boa conta disto porque son iniciativas potentes”. 

“Estamos falando dunha cultura que se está a facer co esforzo voluntario de centos de persoas que cada vez reciben menos apoio da Xunta da Galiza”, critica. Segundo Ansede, nos últimos anos retiráronse todo tipo de axudas da Administración galega a actividades e iniciativas culturais: "En todo caso, trasladouse a compra de produtos, que é o Xacobeo. Mais unha actividade cultural deste tipo non está sometida a compra". “É algo inaudito”, asevera. 

Xa que logo, "este labor de cada unha das entidades é moi meritorio e, á súa vez, se se pon en relación coas demais e se se lle dá unha dimensión superior, nós estamos convencidos de que o rendemento do traballo común en Galiza Cultura vai ser importante”, conclúe desde a Casa-Museo.