Exporase o Libro das Invasións

A exposición ‘Galicia un relato no mundo’ abordará as relacións internacionais do país na historia

O libro das Invasións, onde se cita por primeira vez Breogán, sairá de Irlanda para vir a Galiza con motivo da exposición Galicia, un relato no mundo na que a través de 3.000 pezas de elevado valor simbólico abordaranse as relacións internacionais da Galiza e o seu papel no mundo desde a prehistoria até a actualidade. A exposición inaugurarase o 8 de novembro no Museo Centro Gaiás e estará comisariada por Manuel Gago Mariño.

Acto de apresentación da exposición
photo_camera Acto de apresentación da exposición

cdc_galiciaunrelatonomundo_presentacion1_0 (1)O papel da Galiza no mundo e as súas relacións internacionais desde a prehistoria até o presente serán as protagonistas da exposición Galicia, un relato no mundo. A mostra será a primeira gran exposición internacional dentro do programa Xacobeo 2021 e inaugurarase o vindeiro 8 de novembro no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, en Compostela.

A exposición, estará comisariada polo profesor, xornalista e divulgador Manuel Gago Mariño e reunirá 3.000 pezas cun “elevado valor simbólico"

A exposición, estará comisariada polo profesor, xornalista e divulgador Manuel Gago Mariño e reunirá 3.000 pezas cun “elevado valor simbólico e que resultan esenciais para comprender a cultura e a identidade galega no marco histórico internacional e que nunca se exhibiron na Galiza”, como sinalou o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez durante a apresentación da mostra. Tamñén participou no acto de apresentación Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, institución colaboradora da mostra.

Asinouse un acordo co Trinity College de Dublín para que por vez primeira saia de Irlanda o Libro das Invasións, obra onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán

Neste senso, vense de asinar un acordo co Trinity College de Dublín para que por vez primeira saia de Irlanda o Libro das Invasións, a obra onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán, o personaxe lendario que avistou Irlanda desde o faro de Brigantia (cidade tradicionalmente identificada polas historiadoras e historiadores como A Coruña) e figura destacada no propio Himno Galego.

O Libro das Invasións é parte do Book of Leinster, unha das principais compilacións da literatura medieval irlandesa onde se dá conta da invasión da illa por diferentes pobos, entre eles os conquistadores procedentes de Brigantia.

Poderase contemplar un dos primeiros mapa mundi enciclopédicos europeos e que representa a Catedral de Santiago como o edificio máis importante de Europa

Grazas a un acordo de préstamo entre a Xunta e o Cambridge University-Parker Library poderase contemplar, tamén por primeira vez na Galiza, o Mapa de Sawley, un dos primeiros mapa mundi enciclopédicos europeos, da época do Pórtico da Gloria (século XII). Esta cartografía representa a Catedral de Santiago como o edificio máis importante de Europa, ilustrándoa en maior tamaño que a Basílica de Roma, o cal achega unha idea moi precisa da relevancia de Compostela durante unha época coñecida como a Era Compostelana, un período de especial florecemento cultural, económico e institucional da nación galega.

A exposición tamén contará con dous códices calixtinos

A exposición tamén contará con dous códices calixtinos: o da Biblioteca Vaticana e o da Universidade de Salamanca, e do mesmo xeito poderase ver o Cancioneiro da Vaticana, que xunto ao Cancioneiro de Ajuda e o Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa constitúen o corpus máis valioso da lírica medieval galego-portuguesa.

Tamén se poderá ollar o Itinerario de Exeria, un manuscrito procedente da italiana Biblioteca de Arezzo e que relata a peregrinación precisamente de Exeria, unha aristócrata galaicorromana, considerada a primeira escritora coñecida da Península Ibérica. Xunto a ela estará ademais o guerreiro de Lesenho, peza central para entender a Idade do Ferro no noroeste da Península, prestado polo Museu Nacional de Arqueologia de Portugal.

A exposición baséase na idea de exploración por parte das persoas usuaria que, a través de solucións de montaxe gráficas e interactivas o público decidirá en cada momento canta información queren recibir. Tecnoloxías como sensores de movemento e presenza, sistemas inmersivos, proxeccións interactivas e realidade aumentada serán pezas chaves.

A equipa

Manuel Gago Mariño rompe co preconcepto dunha Galiza isolada na historia, explorando a profunda conexión da nosa nación con outros países e poñendo de relevo o seu impacto internacional. “Nun percorrido que nos leva desde a prehistoria até a actualidade, a exposición estrutúrase arredor dos mitos, a historia, as memorias e as vidas dos galegos e galegas en diferentes épocas e contextos xeográficos”, explicou o comisario.

Ademais de Gago, o comité científico da exposición está integrado por José Miguel Andrade Cernadas, profesor de Historia Medieval na Universidade de Santiago de Compostela, Beatriz Comendador Rey, profesora de Prehistoria da Universidade de Vigo e membro do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, José Manuel Costa García, profesor do Departamento de Arqueoloxía na USC, Emilio Grandío Seoane, profesor de Historia Contemporánea na USC; Juan Manuel Monterroso Montero, director do departamento de Historia da Arte na USC; e Rafael Rodríguez Martínez, arqueólogo da Deputación de Pontevedra. Ademais, o proxecto conta cun asesoramento especial na área de Emigración por parte da profesora de Historia de América na Universidade de Santiago de Compostela, Pilar Cagiao.

O Consello da Cultura Galega colabora tamén con asesoramento especializado e o préstamo de diversos fondos vinculados á diáspora e á emigración galegas. Tamén presta a súa colaboración a este proxecto a Secretaría Xeral da Emigración.

Comentarios