Galicia Escena Pro converterá Compostela no grande escaparate das artes escénicas galegas
A cidade de Santiago de Compostela acollerá entre o 2 e o 5 de xuño a 12ª edición de Galicia Escena PRO, o principal mercado de contratación das artes escénicas galegas. O evento contará coa participación de 30 espectáculos producidos por compañías da Galiza, dos cales 18 se exhibirán ao completo e os 12 restantes presentaranse en formato pitching, reservado a profesionais do sector.
No apartado de funcións abertas ao público inclúense oito espectáculos de teatro para persoas adultas: As gardiás ou o nó do tecelán, de Teatro de Ningures; María Visitación Consolación Amadora, de Loia Producións; O proceso, de Malasombra; Reconversión, de Ibuprofeno Teatro; Tromsø, de Morraoconto; Ubasute, de Berrobambán; Un deus salvaxe, de Talía Teatro; e Vitória, de Iria Pinheiro.
No segmento familiar destacan Bulebule, de Os Náufragos Teatro; Compaña, de Xampatito Pato; Maruxiña, de Aurora Artes Escénicas; e Os contos do Lobicán, de Redrum Teatro. A danza tamén terá presenza destacada con Anfibia, de La Guajira; Aurora Boreal, de Paula Quintas Cía.; Cicatriz, de Kirenia Danza; Transeúnte, de Daniel Rodríguez; e Trïade, do Colectivo Glovo. A proposta circense corre da man de AsSircópatas, que presentan Rogelio III. La fête.
En canto aos proxectos que se mostrarán a través do formato pitching, cómpre sinalar as propostas A derradeira leición do mestre, de Chévere; A metamorfose, de Sarabela Teatro; Galerock’n magic, de Mago Teto; Manual de patronaxe, de Teatro do Noroeste; Monte, de Laboratorio Escénico; Ninguén tira fotos nos enterros, de Carlota e Compañía; O arcón de Noa, de Amarelo Cía.; O espírito de Vania, de Machi Salgado; Oh, mammi blue!, de Cinema Sticado; Os senteito, de Caramuxo Teatro; Todas temos a mesma historia, de LaGriot'te; e Xoguetes rotos, unha creación conxunta de Barrosanta e ButacaZero.
Estas propostas foron elixidas por unha comisión artística de entre as 66 recibidas para o formato completo e as 38 para os pitching a partir da convocatoria pública aberta ás compañías profesionais galegas de teatro, danza, circo e maxia.
Como en anos anteriores, a escolma de Galicia Escena Pro combina compañías de longa traxectoria no panorama teatral galego con formacións de máis recente creación, así como distintas disciplinas e unha ampla variedade de tendencias escénicas.
A programación completarase con dúas propostas procedentes de Madrid e do País Valencià, froito dos acordos de intercambio entre Galicia Escena Pro e os certames MADferia e Dansa València.
Segundo a Xunta da Galiza, moitas das 18 obras que se exhibirán ante o público contaron con apoio económico institucional para a súa produción, a través das liñas de subvención á creación escénica e dos programas de coprodución da Axencia Galega das Industrias Culturais.

