Folla de ruta para reflotar a música e o baile tradicional após a pandemia

A asociación de Gaiteir@s Galeg@s (AGG) deseña unha proposta, aberta á participación da cultura de base, con medidas específicas dirixidas a recuperar o sector da cultura tradicional das consecuencias socioeconómicas da pandemia, que supuxo un parón na actividade no seo das asociacións culturais e folclóricas, escolas de música e baile tradicional.
2012042420222926719
photo_camera A Asociaicón de Gaiteir@s Galeg@s lanza unha proposta de medidas para recuperar o sector da música e o baile tradicional.

Coa premisa de que o sector "dificilmente poderá recuperar a súa normalidade sen axuda económica da Administración e de toda a sociedade galega", a AGG  fai un chamado á cultura de base para que sume achegas á proposta, accesíbel na páxina web da asociación, co obxectivo de pedir a creación de medidas específicas para sacalo adiante.

A proposta artéllase en dúas fases, unha primeira de diagnóstico, que actualice a información relacionada co profesorado e coas asociacións dedicadas á difusión do baile e música tradicionais galegas; e outra enfocada á realización e aplicación de propostas que contribúan ó mantemento e crecemento desta actividade cultural, e unha posterior de aplicación de medidas.

Na primeira, a asociación propón, ademais da diagnose, computar as perdas causadas nas asociacións dedicadas á promoción e difusión da música e baile a raíz da imposibilidade de dar clases, organizar festivais, obradoiros, foliadas, seráns e demais actividades. 

Para acadar un coñecemento máis profundo das consecuencias reais da situación, a entidade tamén vén de poñer en marcha unha enquisa anónima, cuxo obxectivo é o estudo das consecuencias socioeconómicas desta crise "para poder concretar con máis acerto as distintas medidas a reclamar fronte a Administración".  

En canto á aplicación das medidas, o documento de proposta reclama, para o prazo inmediato, habilitar axudas económicas que sufraguen as perdas causadas polo estado de alerta actual.

A curto prazo, a folla de ruta sinala a necesidade de crear un plan de subvencións para a promoción da contratación de profesorado por parte das asociacións que permita a regularización da situación laboral das traballadoras e traballadores.  

Para esta fase, tamén se require un plan de axudas económicas ás asociacións para manter e aumentar a actividade cultural de eventos artísticos e formativos, así como a creación dun Observatorio do Baile e a Música Tradicional Galega, que recolla anualmente datos de tipo económico e social, o que permitirá coñecer a repercusión do sector no conxunto do tecido cultural e económico.  

A proposta recolle tamén a necesidade de fomentar proxectos de investigación, catalogación e divulgación do patrimonio inmaterial dentro dos Conservatorios superiores, as Universidades galegas e outras institucións públicas ou privadas que veñen traballando neste eido, desde o Consello da Cultura Galega ao Museo do Pobo Galego. 

Como pon de relevo a entidade promotora, a "oferta permanente de innumerábeis actividades" dun sector sustentado sobre as asociación resulta esencial para a "conservación e transmisión da nosa identidade e do noso patrimonio cultural inmaterial transmitido a través da oralidade" e é tamén "peza fundamental no armazón socioeconómico do sector cultural galego".

  

Comentarios