Gadis entregará nas súas tendas 12.000 libros de relatos breves sobre os soños

Supermercados Gadis. (Foto: Europa Press)
A obra contén 100 microrrelatos.

Gadis entregará de maneira gratuíta, este sábado 15 de outubro, 12.000 exemplares dun libro de microrrelatos sobre os soños en todos os seus puntos de venda da Galiza e Castela e León.

Esta edición de peto recompila os 100 microrrelatos finalistas da terceira edición do certame literario que a compañía de alimentación organiza.

“Animar persoas anónimas a escribir e descubrir novos talentos literarios” son algúns dos obxectivos que busca Supermercados Gadis coa convocatoria deste concurso e editando o libro para a súa distribución.

A compañía confía en que os clientes “gocen do pracer da lectura coas pequenas grandes historias que se recolleron na publicación: os desexos persoais, os propósitos que se marcan cada aninovo, os anhelos ou as reflexións máis profundas sobre o que é a realidade e os soños que quedan por cumprir”.

Aliás, Gadis dispuxo unha edición dixital desta recompilación, xa dispoñíbel na web da cadea de supermercados. Ademais de textos galegos e do conxunto do Estado español, nesta edición participaron autores e autoras internacionais de país que van “desde Perú até Países Baixos”.

Apoio á industria editorial

Esta iniciativa, incluída no programa de Responsabilidade Social Corporativa da compañía, supón tamén un “apoio” á industria editorial.

Nas tres edicións do certame literario editáronse, en total, 32.000 exemplares con pezas de temática variada. A estas cifras hai que sumar os 360.000 libros que Supermercados Gadis editou con motivo do Día das Letras Galegas en diferentes anos para achegar a literatura ao conxunto da sociedade.