O futuro da cultura está en Braga
Cada vez mais, atopámonos con exemplos de políticas culturais participativas, que buscan implicar a comunidade e rexenerar aldeas, vilas e cidades. Dunha cultura transformadora. Políticas culturais que exploran máis alá dos espazos institucionais e dos escenarios, porque saben que a rúa é un palco (frase que forma parte do manifesto Braga 27). Moi perto da Galiza temos a sorte de contar cun caso excepcional: a política cultural de Braga. Desde hai xa uns anos, a cidade lusa puxo en marcha unha estratexia cultural que urxe que ollemos con lupa. Un exemplo inspirador do que acontece cando a cultura está no centro.
O extenso traballo nas políticas culturais de Braga comeza xa en 2018, coa elaboración da estratexia cultural da cidade até 2030. Esta iniciativa foi seguida da candidatura Braga 27 Cidade Europea da Cultura, que expandiu a outro nivel a dimensión do proxecto. O resultado foi un incríbel traballo de investigación, primeiro, e de proposta cultural, despois. A candidatura gañadora foi finalmente a cidade alentexana de Évora, pero o percorrido feito atopou continuidade grazas á nomenclatura de Braga 25 Capital Portuguesa da Cultura. Con isto, puidéronse materializar moitos cambios e ideas que estaban xa sobre o papel. Falamos con Joana Meneses Fernandes, coordinadora executiva do proxecto, quen nos explica como se xestou este: “Todo comezou coa pregunta: que cidade é esta e que cidade pode ser esta? O convencemento de que as boas preguntas mobilizan o cambio estivo na base dun traballo profundo de escoita activa e participación plural, realizado entre 2018 e 2020. Foron dous anos marcados por decenas de fórums, sesións públicas, talleres e metodoloxías colaborativas, que involucraron máis de 3.000 participantes: artistas, axentes culturais, comunidades diversas, institucións e cidadáns. O inicio tivemos claro que unha estratexia cultural só ten sentido se é construída con quen vive e fai a cidade. Este proceso deu orixe ao primeiro plano estratéxico de cultura de Braga, cun forte cuño participativo, ao cal a cidade deu continuidade ao preparar, a partir de 2020, a candidatura a Capital Europea da Cultura - Braga 27. Esta segunda etapa reforzou e profundou os principios de escoita, de co-construción e pensamento compartido, que hoxe se proxectan na Braga 25 Capital Portuguesa
da Cultura”.
Braga 25, polo tanto, parte dun traballo previo xa feito, como explica Meneses: “Braga 25 nace como continuidade práctica da visión definida na Estratexia Braga Cultura 2030 e afondada durante a Braga 27. A candidatura europea, mesmo non vencedora, deixou un forte legado de proxectos, ideas e redes. Estes contidos adaptáronse a unha nova escada, integrándoos nun programa que combina eventos de maior dimensión con iniciativas locais. A Braga 25 funciona como unha plataforma de activación das políticas culturais previstas na Estratexia 2030, tornando visíbel o seu potencial e permitindo avaliar os seus impactos no terreo. É un exercicio de experimentación aplicada e validación en tempo real dun plan estratéxico a 10 anos”.
[Podes ler a reportaxe íntegra de Lucía Alcaina Romaní no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario deste sábado, 19 de xullo. Resérvao no teu quiosque ou subscríbete ao xornal]