Un furancho de agroglamur para a gala dos María Casares de Teatro

As actrices Isabel Risco e Marían Bañobre convertiranse en “furancheiras” para conducir a gala de entrega dos XVIII Premios María Casares de Teatro que terá lugar no Rosalía de Castro da Coruña esta quinta feira 27 de marzo. Unha aposta chea de “agroglamour” dirixida por Santiago Cortegoso. 

Presentación da gala dos María Casares
photo_camera Presentación da gala dos María Casares

As actrices Isabel Risco e Marián Bañobre serán as encargadas de conducir o acto de entrega de premios María Casares da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) que se desenvolverá no Teatro Rosalía de Castro esta quinta feira 27 de marzo. Convertido o escenario nun “furancho” de “agroglamur”, as dúas actrices conducirán a cerimonia de entrega dos galardóns interpretando a dúas “furancheiras” tratarán de atopar “novas posibilidades para o seu negocio en tempos de crise”. 

As xerras do furancho irán dar nalgúns dos once espectáculos que nesta edición compiten nas diversas categorías dos premios.  “Para a situación do teatro é máis acaído celebrar unha festa nun furancho que unha gran celebración de glamuor pomposo”, destacou o director da gala, Santiago Cortegoso, de Iboprufeno Teatro, no acto de presentación. O fío condutor será, pois, o devir das dúas furancheiras para conseguir que o seu negocio prospere, metáfora escollida para reflectir a situación actual do teatro. O humor e a ironía serán algúns dos ingredientes desta particular gala que contará tamén coa música da banda Radio Cos, de Xurxo Fernandes e Quique Peón, acompañados por  Pedro Lamas na gaita e saxo soprano, Nikolay Velikov no violín e Xan Pampín no acordeón. 

Homenaxe a Pico

Durante a cerimonia de entrega dos premios, o escritor e xornalista Camilo Franco lerá o Manifesto do Día do Teatro e renderáselle homenaxe a Xosé Manuel Olveira Pico co Premio de Honra Marisa Soto. 

Eurozone, de Chévere, é o espectáculo que acadou máis nomeamentos con 12 en total, seguida dos seis de O home almofada, con seis; os cinco de Bye Bye honey e As do Peixe, os catro de Waltz e os tres de A Charca inútil competirá por tres. C'est la vie, Criaturas, BailadELAS, Gaivotas subterráneas e As mil vidas de Matías Houseman optan por un dos premios do María Casares. 

A gala será emitida en diferido ás 23.45 horas pola TVG, máis de tres horas despois do seu inicio ás 20.30 horas.

Comentarios