Eve Arnold, Inge Morath e Cristina García Rodero deitan a súa mirada sobre o século XX

A fundación Luis Seoane exhibe a obra de tres pioneiras da fotografía

Paul Newman nunha clase do Actor's Studio de Nova York, en 1955, retratado por Eve Arnold.
Nun tempo en que non era fácil para as mulleres desenvolver unha carreira profesional na fotografía, Eve Arnold, Inge Morath e Cristina García Rodero lograron deixar pegada coa súa mirada sobre a segunda metade do século XX. A Fundación Luis Seoane vén de inaugurar unha mostra coa súa obra. 

Ao longo da súa existencia, a axencia Magnum logrou manterse como unha referencia de cali-dade. Nacida como cooperativa que quería velar polos dereitos dos autores, o concepto que a rexía era absolutamente revolucionario en 1947: por primeira vez eran os propios fotógrafos os que vendían directamente o seu traballo ao cliente, mantendo baixo o seu control os negativos, o copyright e o dereito a controlar o corte e o pé de foto, que até aquel momento estaba nas mans das publicacións para as cales traballaban.   

Resulta conveniente lembrar que María Eisner e Rita Vandivert, que acabaría sendo a primeira presidenta da cooperativa, estaban entre o grupo fundador, unha información que non sempre aparece nas historias de Magnum. 

Mais setenta e cinco anos despois da súa fundación, a axencia segue sendo un círculo maioritariamente masculino. Clara Bouveresse, autora da primeira tese de doutoramento sobre a cooperativa, sostén, no libro que coasina con Clément Cheroux Magnum Manifesto, que "como en todas partes, a pertenza, que teoricamente debía basearse tan só no mérito, levou a unha reprodución social, no sentido de que os homes brancos escolleron nun principio o máis parecido a eles mesmos sobre a cooperativa". 

A Fundación Luis Seoane vén de inaugurar esta quinta feira a mostra Tres mulleres Magnum: Eve Arnold, Inge Morath e Cristina García Rodero, que, segundo a comisaria da mostra, Rosa Olivares, mostra que "foron pioneiras nunha disciplina na que, aínda na actualidade, predomina a presenza masculina". 

 

 

 

Tres mulleres, tres miradas 

A mirada de Eve Arnold (Filadelfia, 1912 - Londres, 2012)estivo marcada polas súas orixes humildes: "Fun pobre e quixen documentar a pobreza; perdín un neno e obsesioneime co nacemento; interesábame a política e quixen saber como afectaba as nosas vidas; son unha muller e quixen saber máis sobre as mulleres", declaraba. A súa chegada ao oficio veu por casualidade, porque descubriu á súa chegada a Nova York un anuncio do New York Times que buscaba un aprendiz de fotografía. Oito anos despois formaba parte de Magnum e converteríase nunha correspondente de guerra de referencia que retrataba coa mesma sensibilidade as celebridades de Hollywood que os sufrimentos dos desprazados. “Metaforicamente falando, a súa obra está entre as pernas de Marlene Dietrich e as amargas existencias dos traballadores temporais”, dixo dela Robert Capa. 

Inge Morath (Graz, Austria, 1923 - Nova York, EUA, 2002), pola contra, sempre rexeitou facer fotografía de guerra alegando que prefería mostrar as súas consecuencias. Nada no seo dunha familia da burguesía intelectual austríaca, forxou o seu carácter durante a Segunda Guerra Mundial: despois de rematar a educación secundaria foi requirida, como todas as persoas da súa idade, polo “Servizo de Traballo do Reich; rematou filoloxía en Berlín estudando en refuxios antiaéreos e foi recrutada para traballar nunha fábrica xunto con prisioneiros de guerra até que fuxiu e se ocultou en Viena. Acabada a guerra, Morath comezou a súa carreira en Viena, descubriu a Cartier Bresson e da súa man, iniciou unha brillante carreira na que reflexaría as formas de vida dos habitantes de España, Londres, Irán, a URSS, China...E tamén artistas como Picasso ou Cocteau e estrelas como Marilyn Monroe ou Audrey Hepburn. 

O traballo de Cristina García Rodero (Puertollano, Ciudad Real, España, 1949) é un referente da reportaxe fotográfica documental. En 1973 decidiu coller a cámara e viaxar por toda a xeografía do Estado español para documentar as crenzas e rituais relixiosos, fuxindo tanto dos tópicos da España negra como da idealización do réxime franquista. Quince anos despois publicou España oculta, un volume no que documentou costumes e rituais que, en moitos casos, desapareceron e que, se converteu desde aquela nun clásico da fotografía.  

O interese antropolóxico por este tipo de manifestacións levouna a viaxar a países como Haití, Etiopía, India ou Venezuela, onde, como declarou nalgunha ocasión, retrata a existencia dos que "ante a dureza da vida, se refuxian no contacto con Deus".