Francisco Álvarez, 'Koki': "Os centros galegos poderían facer de cadea que espallase a nosa lingua"

Francisco Álvarez 'Koki' (A Guarda, 1957), escritor e animador cultural, reside entre A Guarda e Nova York. Esta sexta feira presentará en Ponteareas (Auditorio Municipal, 20 horas) o seu último libro, Aldea Buxán, con relatos que trasladan a memoria dun lugar ficticio mais moi real. Nós Diario conversa co autor desta obra e da cultura galega nos Estados Unidos de América.

O autor de 'Aldea Buxán', nun recuncho da Guarda, o seu municipio natal (Foto: Aguinaldo Fructuoso).
photo_camera O autor de 'Aldea Buxán', nun recuncho da Guarda, o seu municipio natal (Foto: Aguinaldo Fructuoso).

'Aldea Buxán' é un libro de memorias?  

Con este libro pasáronme dúas cousas. A capa do libro é un neno e moita xente pensa que son eu, mais non é así. En realidade é un neno universal, de aldea, que podería ser calquera. Por outro lado, o propio título pode confundir e dar a idea de que son memorias dun lugar concreto da Guarda e tampouco é certo. 

A literatura é ficción e, aínda que coincidan nomes e rúas que son de verdade, as historias que conto non teñen nada que ver. Sabemos, iso si, que hoxe máis que nunca a realidade supera á ficción. Son historias dunha aldea que poden ser de aquí ou mesmo doutros lugares.

Cal foi a súa intención cando escribiu este libro? 

Quixen falar dos problemas que existiron sempre. A sociedade, en realidade, non adiantou nada. Se un patrón roubaba antes a un obreiro facéndolle asinar nóminas por importes maiores dos reais seguen a facelo hoxe igual. A ilusión do home por ter diñeiro e morrer rico, como eses personaxes de Castelao, segue sendo a mesma. Algúns conseguirano mais podrecerán como os demais. É un mundo enganado.

Nesta obra aparece tamén a emigración.  

Eu non quería que aparecese a emigración no libro. Procurei separala mais o inconsciente levoume. Está nas raigames do meu corpo, no sentimento de emigrante.

Na súa traxectoria literaria interesouse pola temática social. Segue a ser así? 

É toda unha historia. Eu nunca quixen ser escritor, de novo quería ser ciclista. Un sinal que me identificou sempre é o de ser leal co meu pensamento. Madurei a miña idea mais sen rexeitala. Moitos emigrantes cando volven e traen algo de diñeiro cambian a súa maneira de pensar, a súa ideoloxía. A min o que máis me doe é a Galiza. 

A través dos anos fun testemuña de como moita xente independentista e nacionalista acomodábase. O tema de defender Galiza pasaba a facerse dunha maneira moi moderada e cómoda.

Algúns chegaron a entrar en fundacións e outras institucións contra as que loitaban hai trinta anos e están a facer o mesmo. Isto fai moito dano. O problema da Galiza acabarase cando as galegas e os galegos tomen máis conciencia do que somos.

A nosa propia singularidade obsérvase nas entidades da emigración. Os centros galegos do mundo poderían ser unha cadea para pór Galiza onde se merece e espallar a nosa lingua, mais a realidade é todo o contrario e segue estando presente un gran complexo secular en materia lingüística.

Que queda da actividade da emigración galega na cidade de Nova York?  

Hai dúas etapas nela. A primeira foi a do exilio, cando se fundan as asociacións. Despois, co franquismo, avalado polos Estados Unidos de América, cambiou totalmente e veu a emigración que procuraba exclusivamente facer cartos.

Os centros galegos serviron, daquela e hoxe, para ir mirar os partidos de fútbol. Eu tentei facer cousas ao chegar. É moi normal cando un emigra achegarse á túa comunidade mais cando é insoportábel tes que buscar outras. A visión que se ten da emigración aquí pode semellar mesmo idílica cando alguén visita algunhas entidades e hai xente maior falando en galego.

Esquécese que son os mesmos que aos seus fillos non lles ensinaron galego ou mesmo lles prohibiron falalo coa idea de que non servía para nada. Eles, en realidade, fálano por descoñecer outras linguas.

Hai aínda interese no actual Nova York pola cultura galega? 

Os americanos teñen interese. Eu mesmo participei en lecturas en moitos idiomas. Agora ben, na cultura oficial interésalles algo dependendo do seu momento político.  

Comentarios