Opinión

Nova York é noso

Enche de tenrura o relato de Dieste en Dos arquivos do trasno do neno feliz co regreso do seu pai de Nova York, que desembarcara no peirao cunha “viseira de carei” e que lle trouxera un asubío, todo marabilla, que lle impedía entender a dor da emigración; que lle impedía entender a indiferenza dos pícaros cos que xogaba que nada lle preguntaban. Case chora, mais remata o conto, con máis cara de malo, cando di garboso: Nova York é noso!

Nova York ten, de certo, máis presenza na nosa literatura do que pensamos, de inmediato cara a Times Square nos veñen títulos á cabeza, xa Vicente Risco asegurou que Vigo fita os raña-ceos de Nova York. A cidade existe vivida, por Koki que sabe de ratas en Manhattan e da historia dun neno emigrante, ou por Inma López Silva, que a interpreta en New York, New York.

Mais esa cidade de nós, desde lonxe e interiorizada, construímola pola maxia da arte. Como coñecemos vidas e paisaxes de Estados Unidos, por iso o escritor Peter Bichsel, nun relato de Kindergeschichten, ('Cousas da rapazada'), conta que “América non existe”, xa que a xente que alí vai, a maior parte das veces, din algo vago como “os estados” ou “alén mar”, cando regresan sempre contan de vaqueiros e de rañaceos, das fervenzas do Niágara, do Mississippi, de San Francisco e de Nova York. É moi sospeitoso que todo o mundo veña contando o mesmo que xa sabía antes da viaxe. O escritor francés, Philippe Delerm, cando fala da súa última obra New York sans New York, di que el nunca vai querer ir a Nova York, xa que a cidade está composta por todas as imaxes que nos foron traídas pola arte e cada unha de nós, a constrúe dunha maneira moi persoal. El quere tanto o seu Nova York persoal que non quere enfrontalo ao que poida pisar, por iso escribe do (seu) Nova York sen Nova York.

Así e todo, a min a cidade non deixa de me sorprender, non só polo feito de achar no de sempre algo novo; ás veces aparecen desde dentro da cidade, para quen a vive de lonxe, unha ollada inédita, outra perspectiva, por iso lles recomendo un filme de suspense, co guión, a dirección e o papel principal de Ana Asensio, Most Beautiful Island (2017); atrápanos a historia da inmigrante sen papeis, das estratexias para sobrevir, do medo e do valor, de ser muller.

Hai un Nova York que se descoñece desde lonxe, e ese si é noso: o dos galegos construíndo a ponte de Brooklyn no dicir de Luís Seoane; o dos anarquistas e obreiros de alén mar, estudados por Bieito Alonso; o dos galegos e galegas antifascistas que reciben a Castelao en 1938, o do propio Castelao, construtor da nación, que nos presenta Seixas Seone, que fala sobre a República, que expón preto da Quinta Avenida, debuxos de Nós, de Galicia mártir, de Atila en Galicia e de Milicianos. O do negriño de Nova York que nos pinta o Castelao artista comprometido, co seu pucho, o varredor que fai noso, que disque vía na beirarrúa desde o lugar onde almorzaba en Broadway. Tamén a cidade de Rosaura López e das mulleres coma ela que coidaron de persoas e de casas.

Nova York é tamén noso porque a Banda de Gaitas San Xoán de Paramos de Tui participa convidada no desfile do San Patricio do que tamén sabemos, coa nosa música, coa alegría de sermos pobo. Cando volvan pregúntenlle para que con fachenda poidamos dicir que desde lonxe ou desde dentro, Nova York é noso!

Comentarios