'A formiga no carreiro' sae á venda con 'Nós Diario' este sábado
Encher un espazo que actualmente está sen cubrir nos quiosques como é ofertar unha revista de pasatempos de carácter léxico, numérico ou lóxico e que conte unha historia completa ao longo das súas páxinas. Eis o obxectivo de A formiga no carreiro, a única revista de pasatempos en galego cuxo terceiro número sae este sábado 10 de febreiro xunto con Nós Diario.
A revista de pasatempos estreouse o pasado mes de xullo cunha primeira entrega que tivo unha grande acollida, con perto de 600 exemplares vendidos nos quiosques, a maiores dos que se agasallaron a todos os subscritores e subscritores de Nós Diario.
As persoas subscritas ao xornal recibirán este número de balde, mais terá un pequeno custo engadido de 1,80 euros para o resto de persoas lectoras. Aliás, ficará á venda durante as próximas semanas nos habituais puntos de distribución.
Esta terceira entrega, novamente da autoría de Xoán Costa e Xerardo Rodríguez Roca, xira arredor do tema do Entroido a través de 48 páxinas nas que se ofrece unha ampla variedade de xogos para adestrar o cerebro, desde pasatempos clásicos como as sopas de letras ou os encrucillados até outros orixinais. Ademais, inclúe algúns xogos en portugués, para promover o uso desta lingua entre a cidadanía da Galiza.
A formiga cotiá
"Todos os pasatempos, que moitas lectoras e lectores habituais xa coñecen a través do Nós Diario e o Sermos Galiza —que inclúen dúas páxinas de pasatempos en cada número—, están guiados pola formiga, que vai contando unha pequena historia para presentar as diferentes experiencias e desafíos. As formigas son as grandes protagonistas", explica Xoán Costa.
E por que a formiga? "É un animal moi presente no noso día a día, na vida cotiá, e queremos reflectilo nesta revista de pasatempos", di Costa, que pon como exemplo a toponimia, pois atopamos no país lugares como o Camiño da Formiga, na parroquia redondelá de Cedeira, ou mesmo alén do planeta, como é o caso da nebulosa da Formiga, a uns 3.000 anos luz da Terra.