Fillas de Cassandra encabeza o cartel do festival Feslloc 2025

María Soa e Sara Faro, Fillas de Cassandra. (Foto: Santi Iglesias)
O encontro defende a lingua e a cultura a través da música.

Fillas de Cassandra, La Fúmiga e ZETAK i Auxili serán as cabezas de cartel do Feslloc, o festival de referencia da música en valenciano, que regresa este ano a Benlloc (Castellón) para celebrar a súa XIX edición.

Este evento, que se celebrará os días 10, 11 e 12 de xullo, é un punto de encontro para todos aqueles que defenden a lingua e a cultura a través da música. Ano tras ano, Feslloc consolidouse como un "evento imprescindíbel para quen queira gozar da mellor música en valenciano", segundo informa a organización nun comunicado.

Segundo Àngel Ribés, presidente da Asociación Feslloc e alcalde de Benlloc, “Feslloc é moito máis que unha axenda de concertos, é un espazo de diálogo, reflexión e activismo”. De feito, ademais da música, o festival programa obradoiros, charlas e actividades deportivas, que o converten nun escaparate onde se visibiliza a loita pola lingua, o feminismo e outras causas sociais, apuntou a organización.

A 19ª edición de Feslloc está marcada por unha formación cuxos artistas confirmados inclúen nomes consagrados e artistas emerxentes.

Así, están La Fúmiga, unha das bandas máis queridas polo público do Feslloc; Fillas de Cassandra, "coa súa proposta innovadora e feminista que fai pensar"; ZETAK, co seu directo "cargado de electrónica e emocións"; Auxli, unha das bandas máis emblemáticas do reggae valenciano, que regresa aos escenarios de Feslloc coa súa "enerxía inconfundíbel" e o seu novo disco no seu haber. A organización aínda non anunciou todos os grupos que participarán no encontro.