A figura de Xosé Bar Boo, Mario Regueira e o decrecemento protagonizan o 'Sermos Galiza' deste sábado

Chega aos quiosques un novo número de Sermos Galiza. (Fotos: Nós Diario)
No semanario desta semana repasamos a traxectoria vital e profesional do arquitecto Xosé Bar Boo, xusto cando se compren cen anos do seu nacemento.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número de Sermos Galiza. O semanario abre esta semana cunha reportaxe dedicada á vida e obra do arquitecto Xosé Bar Boo, xusto cando se compren 100 anos do seu nacemento.

Na peza, asinada por Iago Valverde, repásase a traxectoria dunha “persoa comprometida coa súa profesión, co país e coa ecoloxía”. “Foi un dos recuperadores da arquitectura moderna na Galiza dos anos 50, nun contexto dominado pola retórica franquista. Naquel tempo, as cidades medraban sen control”, sinala o autor da reportaxe.

Neste sentido, Valverde salienta que “Bar Boo opúxose á mediocridade e mantívose fiel ás súas conviccións, o que lle supuxo non ter moito traballo, mais as obras que levou a cabo son exemplo de creatividade e innovación”.

Entrevista a Mario Regueira

A entrevista desta semana plasma a conversa que a xornalista Montse González mantivo con Mario Regueira, crítico literario para Sermos Galiza desde hai dez anos e que, recentemente, vén de pór punto final a esta actividade “para poder atender outras obrigas laborais”.

Regueira repasa na entrevista a súa experiencia durante todos estes anos, dos consensos da literatura galega ou das dificultades para facer crítica nun país pequeno cunha lingua minorizada.

Decrecer para subsistir

A segunda reportaxe deste número de Sermos Galiza trata o tema do decremento, unha cuestión “incluída na axenda política e mediática do novo curso político”, segundo explica a xornalista Mar Álvarez, autora desta peza.

En que consiste o decrecemento e que relación ten co cambio climático? Que papel xogan os medios de comunicación? Podemos falar de “ecofeminismo”? Estas e outras preguntas son as que intenta responder Álvarez coa súa reportaxe.

Música, arte e lecer

O apartado musical corre a conta de Belém Tajes, que trae as últimas novidades, a comezar por Botánica, de Abe Rábade, mentres César Morán asina o artigo titulado O bombardino de Charles Anne.

Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, entre eles The innocents, de Eskil Vogt, e Manuel Xestoso ofrece na sección de Escena un artigo sobre a compañía de teatro Chévere.

Noutra orde, Tensi Xesteira debulla o libro Aínda invisíveis? Narradoras e margens na literatura galega contemporânea, de Lorena López López (Através), mentres Susana Sanches Aríns fala de Miquits, de Alba de Evan e Xabier Domínguez (Antela Editorial). Aliás, o colectivo Xea trasládanos á fraga da Cabana Vella, nos Ancares.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado acompañando o xornal Nós Diario 64 páxinas por tres euros!