A fotografía amadora protagoniza o 'Sermos Galiza' deste sábado

Neste número entrevistamos tamén o creador do Festival Galicreques, Jorge Rey, e falamos do Museo Bea Rei de Sobrado dos Monxes.
Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.

Nas últimas semanas coincidiron no tempo dúas exposicións dedicadas a fotógrafos amadores galegos: Raniero Fernández e Jesús Faílde. Con traxectorias moi diferentes, coincidiron na súa paixón por deixar constancia para o futuro de personaxes e momentos chave no seu contexto xeográfico. O xornalista Antón Escuredo analiza as súas carreiras na reportaxe 'Fotografía Amadora: as imaxes que transcenden o tempo', que abre o Sermos Galiza deste sábado.

"Unha das funcións das exposicións de Jesús Faílde e Raniero Fernández, ademais de difundir a súa obra na sociedade, é poñelas en valor cunha visión contemporánea, mesmo tendo en conta o seu posíbel valor artístico", precisa.

Jorge Rey e o teatro de bonecos

A entrevista desta semana corre a conta de Montse González, que conversa co creador de Títeres Cachirulo e do Festival Galicreques, Jorge Rey. O teatro de monicreques na Galiza, defende González, "non podería entenderse sen profesionais como Rey".

"O teatro é caro, dinnos. Pois eu penso que o caro é non ter teatro. Os países que non teñen cultura si que pagan un prezo alto", apunta Jorge Rey nesta entrevista.

Museo Bea Rei

O xornalista Xosé Barros asina a reportaxe 'Museo Bea Rei: vangarda e igualdade', na que debulla o edificio inaugurado en Sobrado dos Monxes en 2019 que recolle a obra da pintora vangardista Beatriz Rei.

"A finais dos sesenta e comezos dos setenta, a súa obra seguiu un camiño de evolución cara ao estudo da cor e dos elementos xeométricos, a partir dos cales a artista intentaba dotar as súas composicións dun ritmo e dunha composición propias", salientan.

Música, arte e lecer

O apartado musical corre a conta de Olga Brañas, que trae as últimas novidades, a comezar por Levantarse e caer, de Xabier Díaz, mentres Fernando Montenegro asina o artigo titulado 'Bella Ciao', no que fala de Marc Ribot e da mensaxe política que "toda música porta".

Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, entre eles Crimes do futuro, de David Cronenberg, e Pepe Barro ofrece na sección de Deseño unha panorámica da gaita, a festa e os cartaces que a anuncian. En Arquitectura, Lázaro Armental fala de 'Desocupar a beirarrúa'.

Noutra orde, Tensi Xesteira debulla o libro Estranxeiras, de Carmen PG Granxeiro (Xerais), mentres Manuel Barreiro fala de Córnea, The Drop, Tralla brava e Altar mutante, obras de banda deseñada autoeditadas. Aliás, o colectivo Xea trasládanos ao litoral de Poio, de Lourido a Combarro.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado acompañando o xornal Nós Diario 64 páxinas por tres euros!

Comentarios