Máis de cen lugares patrimoniais destruídos ou danados en Gaza polos bombardeos de Israel
Un informe preliminar da Organización Non Gobernamental Heritage for Peace revelou que máis de cen sitios patrimoniais e históricos de Gaza foron destruídos desde o 7 de outubro como consecuencia dos bombardeos israelís.
O territorio de Gaza é un auténtico crisol de culturas que alberga vestixios de diversas civilizacións -o Exipto faraónico, a Babilonia de Nabucodonosor, os persas, a Grecia de Alexandre Magno, os califados Omeia e Abbásida, Bizancio, o Imperio Otomano...-, que influíron na rexión ao longo dos séculos.
A cidade de Gaza é rica en sitios arqueolóxicos e edificios que posúen un significado cultural, relixioso e histórico que reflicte historia e a civilización do pobo palestino e que encarna a cultura, costumes e tradicións das distintas poboacións que habitaron esta rexión ao longo do tempo.
Mais todo ese patrimonio cultural podería estar en risco de desaparición pola destrución de museos, xacementos arqueolóxicos e edificios relixiosos da zona como consecuencia dos bombardeos de Israel.
O informe recolle danos en máis dun centenar de lugares patrimoniais entre os cales se poden destacar que a mesquita de Omari, "unha das mesquitas máis importantes de Palestina", a mesquita de Ibn Uthman e a mesquita de Sayed Hashem quedaron completamente destruídas e que a igrexa de San Porfirio, considerada a terceira máis antiga do mundo, resultou danada.
Tamén os museos Rafah e Deir al Balah resultaron danados. O fundador do Museo Al Qarara, Mohammad Abulehia, dixo que o edificio e a colección sufriron danos importantes despois de que unha casa adxacente fose alcanzada por un mísil. " O que queda da colección está agora en perigo", declarou.