Os 'obreiros do rock' de Familia Caamagno, no 'Sermos Galiza' deste sábado

"O que fixemos nestes dez anos foi sachar, que somos obreiros do rock and roll", apuntan nesta extensa conversa.
Detalles do 'Sermos' deste sábado.
photo_camera Detalles do 'Sermos' deste sábado.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza. O semanario protagonízao, desta volta, o grupo Familia Caamagno, cuxos membros son entrevistados por Montse González con motivo da presentación do seu novo disco, O mundo está derrotado.

"O que queremos é tocar e pasalo ben. Vamos onde nos chamen, onde nos ofrezan unhas condicións técnicas e económicas mínimas. O que fixemos nestes dez anos foi sachar, que somos obreiros do rock and roll. Meterlle horas no local de ensaio, sacar horas ao sono e a outras cousas. Non somos un grupo profesional, pero si o somos na feitura, en estar á altura. E non temos ningún conflito ideolóxico polo feito de que nos chamasen da Cidade da Cultura. Se cadra outros non van porque non os chamaron", sinalan nesta conversa que se publica o sábado.

A lingua de Ons

A illa de Ons, pertencente ao termo municipal de Bueu, posuíu desde sempre unha idiosincrasia propia, asociada sobre todo á súa condición insular, cunha cultura e unha historia diferenciadoras. Tal é o caso da lingua, que forma parte do seu patrimonio inmaterial e que foi protagonista dunha profunda análise por parte de José Manuel Dopazo. Na primeira reportaxe deste Sermos, Tensi Xesteira afonda na fala de Ons "e o orgullo de ser".

"Moi en consonancia coa fala da illa está a súa música. En Ons, as festas populares estaban sempre protagonizadas polas pandereteiras e cantareiras, mulleres que despois dos labores do campo e do mar prendían a vida cunhas pezas coas que pasaban o tempo e ofrecían divertimento aos demais", expón a xornalista nesta peza.

Aniversario da SGHN

A segunda reportaxe deste Sermos asínaa Raquel Besteiro, que conmemora o 50 aniversario da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), unha asociación independente sen ánimo de lucro, dedicada ao estudo, divulgación, conservación e defensa do medio ambiente.

"Unha das primeiras manifestacións masivas que levamos a cabo foi para frear a construción da central nuclear de Xove, na comarca da Mariña. Mobilizamos a xente para parar o proxecto e antepor a riqueza ambiental da zona aos intereses duns poucos", apunta o presidente da SGHN, Serafín González.

Música, arte e lecer

O apartado musical corre a conta de Olga Brañas, que trae as últimas novidades, a comezar por A Caixa e a chave, de Mel, mentres Herminio González asina o artigo titulado Milanés pisará as rúas novamente, en lembranza do recentemente falecido cantautor cubano Pablo Milanés.

Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, entre eles 10 de marzo, de Roi Cagiao, mentres Pepe Barro ofrece na sección de Deseño un percorrido polo Libro das profesións e o seu "orgullo profesional".

Noutra orde, Tensi Xesteira analiza na sección de Libros a obra María Casares fronte ao espello, de Sabela Hermida (Ed. Xerais), así como outras novidades literarias, mentres Manuel Barreiro fala de Little Neno descobre David Bowie, de Dani Llabrés e Jaime Pantoja (A Reixa Editorial), no apartado de Banda Deseñada. Aliás, o colectivo Xea lévanos a facer un percorrido polas Borreas de Caldesiños.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta deXerardo R. Roca Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só tres euros!

Comentarios