SERÁ O 3 DE DECEMBRO EN UDINE (FRIULI)

Familia Caamagno representará a Galiza no Suns Europe

A banda de Sigüeiro participará na final do Suns Europe, o Festival Europeo de Artes Escénicas en Linguas Minoritarias que inclúe un concurso da canción. 

familia
photo_camera Familia Caamagno

O ano pasado foi Caxade e nesta ocasión o xurado escolleu de entre as opcións galegas que se presentaron un dos grupos que máis se están a mover por festivais e salas do país. Son a Familia Caamagno, a banda de rock-n-roll xurdida nas beiras de Compostela, cunha vea hedonista moi desenvolvida que xoga coa estética da mafia italiana.

A canción elixida para o concurso -'Lausanne' ('Para unha vez que saímos', Lixo Urbano, 2016)- é un tema de traza social na que contan a historia dunha familia de 'losers', aplicable a medio país. A letra, adaptada por eles, vén do poemario ‘Crónica do chan’ de Alberto Lema, tal e como nos contou Manuele Caamagno nunha entrevista este verán: “Nós adaptamos o texto libremente, pero conserva o espírito do poema, que nos gustou moito e no que nos vimos reflectidos. Case todo o mundo ten algún alguén que foi emigrante nos 70. Vimos o tema claro, saiunos esa liña soul debaixo e fixemos unha canción de forma alegre pero con contido triste”.

O tema elixido é 'Lausanne', unha canción con traza social que conta a historia dunha familia de 'losers'

Familia Caamagno competirá con outras nove bandas, das que xa se coñecen sete delas (as outras dúas elixiranse nunha semifinal chamada Suns Ladinia): Veronika Usholik (Chukchi, Rusia), Brieg Guerveno (bretón), Steso (faroés), Imlé (gaélico irlandés), Aon Teanga: Un Çhengey (gaélico escocés, irlandés e da illa de Mann), Norma (frisón) e Gurude (cacasiano, Rusia).

Segunda edición do Suns Europe

Esta será a segunda edición do Suns Europe, que substitúe ao Liet International que se organizaba desde 2002 en Frisia (Holanda). Por aquel festival pasaron diferentes formacións galegas, como Uxía, Fran Pérez 'Narf', ou Mafia Galega. Nesta nova xeira defínese como o Festival Europeo de Artes Escénicas en Linguas Minoritarias e acolle diversas actividades do 1 ao 3 de decembro en Udine (Friuli), entre a que destaca este concurso de canción moderna. Está aberto a todas as minorías lingüísticas tal e como se definen na Carta Europea de Linguas Minoritarias. 

Suns Europe non só é unha competición musical, tamén lle dá cabida a outras expresións culturais como o cinema ou a literatura, e elixe as mellores producións en linguas minoritarias do continente.