A Fonsagrada: 360 curvas e a historia dun pobo que loitou para non desaparecer
Desde A Fonsagrada (capital da comarca á que lle da nome) até Lugo hai 360 curvas que gardan segredos e historias de hoxe en día, mais tamén de décadas pasadas. Son un reflexo do que foi e do que é este concello da montaña, e tamén marcaron, e marcan, dalgún modo, os seus veciños e veciñas. A Fonsagrada e os fonsagradinos son sinónimo de loita e reivindicación contra o "caciquismo".
A comezos dos anos 90, este concello decidiu reescribir a súa historia. O municipio máis extenso da Galiza (438,45 quilómetros cadrados) viviu unhas revoltas veciñais sen precedentes, coñecidas como as 'Movidas'. Unha loita para sobrevivir e loitar contra a desaparición do mundo rural e evitar que a curva da caída demográfica fose máis notoria. Daquela, había ao redor de 6.986 habitantes, en 2024 eran 3.116.
A Xunta da Galiza, presidida por aquel entón por Manuel Fraga, quixo trasladar a Extensión Agraria (servizo que brinda asesoramento a labregos e gandeiros) a Becerreá (Os Ancares) e eliminar A Fonsagrada como cabeza de comarca. Os veciños e as veciñas saíron ás rúas durante varios meses entre 1991 e 1992, mesmo se fecharon na Casa do Concello e protestaron fronte ao edificio da Xunta en San Caetano. Nun primeiro momento, o alcalde Mario Arias Mon (tránsfuga do PSdeG ao PP) estivo ao carón da veciñanza, mais pasado un tempo deixou de apoialos, e desde aquela, o PP non volveu gobernar.
O documental titulado 360 Curvas, de Alejandro Gándara e Ariadna Silva, recupera esa memoria a través de imaxes de arquivo e de testemuñas dalgúns dos protagonistas das revoltas. A Silva o que máis lle chamou a atención das 'Movidas' foi "a forma da protesta, que reivindica de xeito moi digno, tamén con humor e con retranca, que non se perdesen eses servizos básicos que afectarían á vida do concello", destaca en declaracións a Nós Diario. O documental persegue o fin de que "as novas xeracións da Fonsagrada coñezan a historia das 'Movidas' e que as recorden, porque estamos condenados a repetir a historia que non coñecemos", sinala a este xornal Adrián Méndez, músico, veciño e un dos promotores do filme. Para A Fonsagrada, esta loita veciñal "é un motivo de orgullo". "A miña xeración non a viviu, mais os nosos pais erguéronse fronte a esta inxustiza. Conseguiron que non lles quitasen polo menos a cabeza de comarca", remarca Méndez.
De maneira indirecta, o documental tamén trata outras problemáticas ás que se enfronta o rural galego en 2026, como o seu abandono e a caída demográfica. "Eu creo que medramos coa idea de que cando es adolescente sabes que aos 18 vas marchar, e moitas veces para non volver", comenta un veciño da Fonsagrada no tráiler do filme. Tamén son protagonistas as 360 curvas, que van debullando pouco a pouco a historia do filme. Son unha metáfora das enormes dificultades que había e segue habendo en canto aos servizos da vila. "Hai persoas que naceron nesas curvas, ou morreron. E non estamos falando dos anos 50 ou 60, senón de mediados da década dos 90". "Cada curva garda un nome, desde logo, porque ir desde A Fonsagrada até Lugo ten o seu aquel", remarca este veciño.
A curva de partida
360 curvas bebe dos arquivos que se filmaron daquel momento e dos que dispuñan algúns veciños e tamén o fotógrafo da vila, Manuel Fernández. "Eu dispuña de parte dos arquivos das 'Movidas' que circulaban pola vila. E contando cos que tiña Manuel Fernández, pensei que era bo revivir esta historia despois de que se fixesen 30 anos deste fito en 2022", indica Méndez. "Despois, púxenme en contacto co resto do equipo e pareceulles unha idea moi interesante". Este veciño da Fonsagrada foi un dos promotores desta obra audiovisual que tivo boa acollida polos veciños da vila e servirá para "preservar esta loita e que non se volva repetir".
Estrea na Fonsagrada
A pasada fin de semana, os veciños e as veciñas fonsagradinas, e mesmo os protagonistas, tiveron a oportunidade de desfrutar antes que ninguén do resultado final do filme. Foron dous pases que se fixeron no salón de actos do Concello e que Méndez define como "emotivos e emocionantes para aquela xente que o presenciou e mesmo que o viviu estando fóra". O equipo do filme agradece a resposta da veciñanza e confesa a incertidume que había ao comezo de "ver como o percibirían os veciños". "Esa xente que estivo nas Movidas ten ese orgullo de poder dicir: 'estivemos aquí'. É algo do que todo fonsagradino ten que sentirse orgulloso", conclúe Adrián Méndez.
O espírito loitador hoxe en día
Na Fonsagrada segue a día de hoxe presente ese espírito "loitador e revolucinario" polas súas montañas. "Agora mesmo non facemos 'Movidas' como tal, mais si que estamos axitando culturalmente para que o rural non morra. É outro tipo de protesta e de movida", di Méndez. Entre estas reivindicacións culturais que tamén axudan a que o rural fonsgradino non morra está a Foliada da Fonsagrada, e Méndez, músico e musicólogo, é presidente da asociación que a organiza. Unha data clave no calendario folk na ponte de decembro que reúne milleiros de persoas que se achegan até a vila para desfrutar da tradición e reivindicar a cultura galega e tamén a fonsagradina.
O filme, estreado esta quinta feira na Coruña, proxectarase en múltiples comarcas
Aínda que o filme foi estreado no Festival de Xixón a finais de novembro e en Cineuropa, cun "pase emotivo e especial acompañados con xente da Fonsagrada", esta quinta feira estreouse na Filmoteca da Galiza na Coruña e xa está dispoñíbel nalgúns cinemas. O equipo fará un percorrido polo país, estrenando o documental nas principais cidades, logo de facer unha estrea na propia Fonsagrada a fin de semana pasada. Este sábado, 1 de febreiro, a estrea é en Numax, en Compostela, e o domingo nos cines Codex (Lugo), coa fin de "abrir espazos de diálogo, de debate, nos encontros", destaca a directora do filme Ariadna Silva a Nós Diario. Nas vindeiras semanas estará en Monforte (Terra de Lemos) e na Estrada (Terra de Montes) e proximamente anunciarán máis datas.
360 Curvas non só narra a historia fonsagradina, tamén é extrapolábel a outras realidades doutros concellos do rural da Galiza, destaca Silva. "É un filme que non só conta a realidade da Fonsagrada, senón que tamén trata da actualidade do rural en xeral doutros moitos lugares que se poden sentir identificados con esta historia". Todo isto atendendo á particularidade das 'Movidas' "e coa pretensión de que a película sexa unha forma de transmitir esta historia e que sexa tomada como referencia", indica Silva. Adrián Méndez, veciño da Fonsagrada e un dos promotores do documental 360 Curvas, coincide con Silva en que parte da Galiza se poida sentir identificada: "Quen máis e quen menos, aquí na Galiza, como un pobo loitador, as 'Movidas' son peza clave para recordar outras reivindicacións", destaca a este xornal.