cinema

Aki Kaurismäki presenta 'Fallen Leaves' na Filmoteca da Galiza

A película do finés volverá proxectarse na sexta feira
O cineasta Aki Kaurismaki.
photo_camera O cineasta Aki Kaurismäki.

A Filmoteca da Galiza foi o escenario elixido polo cineasta Aki Kaurismäki para compartir uns momentos co público antes da proxección do seu último filme, Fallen Leaves, co que está a obter un grande éxito tanto de público como de crítica. O realizador finlandés desprazouse esta cuarta feira até A Coruña con motivo desta sesión, que forma parte da ampla retrospectiva que a cinemateca lle dedica até finais do mes de abril.

O propio realizador presentou ante o público un filme que poderá verse de novo na sexta feira ás 18 horas, tamén en versión orixinal con subtítulos en galego. Premio do xurado na pasada edición do Festival de Cannes e recoñecida como a mellor película de 2023 nos galardóns da Fipresci (Federación Internacional da Prensa Cinematográfica), Fallen Leaves mantense aínda en carteleira en diferentes cidades do Estado español, onde é xa o maior éxito de público de Kaurismäki até a data, superando os 110.000 espectadores e espectadoras.

Segunda retrospectiva

Este é, ademais, o segundo ciclo que se lle dedica na Filmoteca da Galiza a Aki Kaurismäki, que xa entre finais de 1999 e principios do ano 2000 ofreceu unha primeira retrospectiva en colaboración co Festival Internacional de Cine de Xixón e coa filmoteca do País Valencià. 

Daquela volta, o finlandés tiña estreadas 15 das súas 20 longametraxes rodadas até o de agora, ademais de numerosas curtametraxes. Se ben desde entón a súa produción non é tan prolífica, si ten asinado algúns dos seus maiores éxitos como El hombre sin pasado, El Havre e agora, tamén, Fallen Leaves.

Comentarios