Falece Béla Tarr, referente esencial do cinema europeo contemporáneo, aos 70 anos

Un dos cineastas máis influentes e singulares do cinema europeo contemporáneo, o húngaro Béla Tarr faleceu esta terza feira aos 70 anos, deixando unha obra radical e profundamente persoal que marcou xeracións de creadoras e creadores pola súa aposta estética, o seu rigor ético e a súa visión crítica e metafísica da condición humana.

O cineasta húngaro Béla Tarr, o 9 de xaneiro de 2024 en Barcelona. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
O cineasta húngaro Béla Tarr, o 9 de xaneiro de 2024 en Barcelona. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

O cineasta húngaro Béla Tarr, unha das figuras máis influentes do cinema europeo contemporáneo, faleceu esta terza feira aos 70 anos de idade, segundo informou o director Bence Fliegauf á axencia MTI en nome da familia.

Autor dunha filmografía radical e profundamente persoal, Béla Tarr deixou unha pegada decisiva na historia do cinema pola súa aposta estética —planos secuencia longuísimos, fotografía en branco e negro e un ritmo pausado e hipnótico— e polo seu interese en retratar tanto a dimensión social como a moral e metafísica da existencia humana. A súa obra foi comparada coa de Michelangelo Antonioni e Andréi Tarkovski, dous creadores cos que compartiu a procura dunha verdade cinematográfica afastada das convencións industriais.

Ao longo da súa traxectoria mantivo unha colaboración estreita co escritor László Krasznahorkai, Premio Nobel de Literatura 2025, adaptando ao cinema varias das súas novelas. Desa alianza xurdiron títulos fundamentais como Tango Satánico, unha obra de máis de sete horas considerada por moitos a súa creación mestra; Harmonías de Werkmeister, baseada na novela A melancolía da resistencia; ou A condena. O seu derradeiro longo, O cabalo de Turín, foi interpretado como unha despedida consciente do cinema e valeulle o Oso de Prata no Festival de Berlín.

Nado o 21 de xullo de 1955 en Pécs, Tarr comezou a súa carreira como afeccionado antes de iniciar, en 1977, os estudos de dirección na Escola Superior de Teatro e Cinema. Nos anos oitenta traballou na produtora estatal Mafilm, período no que consolidou unha ollada crítica sobre a sociedade que foi derivando cara a unha exploración cada vez máis existencial e angustiante da condición humana.

Durante a súa vida realizou case medio cento de películas e recibiu numerosos recoñecementos internacionais, entre eles o Premio á Traxectoria Profesional do Festival Internacional de Cinema de Tokio en 2024. Tras O cabalo de Turín, retirouse da dirección cinematográfica, mais continuou vencellado a proxectos de teatro independente e á reflexión teórica sobre o cinema. En marzo deste ano recibira tamén o Premio Honorífico 2025 do D'A–Festival de Cinema de Barcelona.

Crítico declarado do cinema comercial estadounidense, Tarr defendía que na pantalla debían aparecer "persoas reais, representadas dunha maneira honesta e sincera".

Comentarios