Narración Oral

Falando a Boca Chea converte A Coruña no centro das historias

O festival de narración oral retorna á Coruña entre o 29 de setembro e o 3 de outubro.
Vero Rilo
photo_camera Vero Rilo

Desde hoxe e até o sábado 3 de outubro volve á Coruña o festival Falando a Boca Chea, no que a narración oral é a protagonista. Organizado por Artestudio Xestión Cultural co apoio do Concello da Coruña e do Fórum Metropolitano, trae á cidade herculina diversos espectáculos que representan colectivos de teatro afeccionado, xunto a recoñecidas narradoras galegas e novas voces desta disciplina na Galiza.

O obxectivo do evento é achegar á xente de todas as idades este eido de tanta tradición e, a través del, tratar todas as cuestións que teñen a ver coa persoa como parte da sociedade. Porén, as historias tamén se ocupan dos grandes interrogantes da existencia humana, naquilo que se relaciona coa chave do misterio da vida, sen explicacións realistas e pesadas.

Conecta así, por vía do simbólico, os soños ou a poesía cunha dimensión emancipadora, desde o punto de vista da liberdade da imaxinación e da comprensión dos mecanismos do desenvolvemento psicolóxico da persoa.

En dous espazos

Será obrigatorio usar máscara en todos os espectáculos. Ademais, daráselle prioridade a venda anticipada de billetes e de convites en liña. O festival desenvolverase principalmente en distintos espazos do Fórum Metropolitano, como en pasadas edicións.

No vestíbulo, atoparemos espectáculos dirixidos a todo tipo de público, en que a entrada será de balde até completar capacidade máxima. Contarán con Vero Rilo, Caxoto, Soledad Felloza e o colectivo de narración oral Cédoche a palabra, no que os contos na lareira e da vida cotián serán os protagonistas. Neste espazo, adaptado para o público familiar, tamén estarán as sesións para crianzas de 2 a 4 anos, con contos e arrolos para as máis cativas, da man de Bea Campos e Soledad Felloza, tamén con convite.

Por outra banda, no auditorio haberá  espectáculos destinados a público adulto, coa presenza de narradoras e narradores con recursos e estilos moi diversos, como Celso Sanmartín, Gari, Carmen Conde ou Quico Cadaval. Igualmente, participa neste apartado do programa o colectivo amador Cédoche a palabra.

Tamén na escola

O festival estará presente no ámbito escolar, xa que os días 19 e 20 de outubro haberá dúas sesións de narración exclusivas para alumnado de ESO, bacharelato e Formación Profesional: "Os contos da fantástica tía Pilar", por Bea Campos e "Feirantes", por Ramiro Neira.

Comentarios