A Estrada recupera a figura de Avelina Valladares Núñez

Monumento que lembra a Avelina Valladares na Estrada.
O Concello porá en valor a súa obra en 2025 cun amplo programa de actividades.

Coincidindo co 200º aniversario do seu nacemento, a escritora Avelina Valladares Núñez (A Estrada, 1825 - 1902) será a protagonista do ano cultural no concello da Estrada.

Ao longo de 2025 levaranse a cabo diversas actividades para render homenaxe e para poñer en valor a vida e obra dunha muller que destacou como escritora e tamén foi activa no eido da música, malia que na actualidade só é lembrada como irmá de Marcial Valladares.

O Concello da Estrada quere corrixir esta situación e abrira un Ano Cultural Avelina Valladares en marzo, coa presentación do texto teatral Os seráns de Vilancosta, do dramaturgo Santiago Cortegoso e editada por Galaxia.

Xa no mes de abril estrearase un espectáculo musical co mesmo título con base nesa dramaturxia. Nese mesmo mes tamén se presentará unha unidade didáctica para centros de ensino sobre a faceta literaria ou musical da autora, realizada pola xornalista Laura Filloy.

O Concello organizará tamén un roteiro por espazos vencellados coa autora e que incluirá un concerto. Ademais durante o mes das letras, en maio, agasallaranse bolsas de tea coa imaxe da autora homenaxeada.

En setembro, unha xornada dedicada a Valladares repasará a súa vida e as súas facetas literaria, musical e xornalística e, no final de ano, a Casa das Letras inaugurará unha exposición sobre a autora que irá rotando polos centros de ensino locais.

Como despedida do Ano Cultural lanzarase un volume de Galaxia, editado por Xosé Luna que reunirá toda a obra da coñecida como "Cantora do Ulla".