venres 07/08/20

O estío aviva o pulso do mundo editorial

Obrigadas a readaptar os seus plans editoriais por mor da pandemia de Covid-19, as editoras galegas estrean lecturas nun verán no que se vai festexar por primeira vez o Día do Libro.
Capa de  "O camiño de Nós", de Aira Editorial.
Capa de "O camiño de Nós", de Aira Editorial.

Despois de tres meses de paréntese obrigada pola crise sanitaria provocada polo novo coronavirus, as editoriais galegas tratan de recuperar o seus plans para acomodar os libros no lugar onde deben habitar. Así, co propósito firme de axudar as librarías a retomar o contacto co público lector, as empresas editoras presentan estes días algunhas novidades que deixaran atrás e outras que chegan puntuais para os meses de estío. Porque se o confinamento alentou o refuxio en lecturas de vello mais en libros esquecidos, o verán pode axudar a estender ese repouso literario con estreas para todos os públicos. 

Kalandraka inaugurou "a nova anormalidade" cunha obra moi querida, por ser unha grande aposta en galego para a editorial pontevedresa mais tamén pola propia autoría do libro. O pintor cego, de Xabier Docampo e Xosé Cobas, converteuse nun tributo á memoria do escritor falecido hai agora dous anos e á mestría do ilustrador co que tantas obras argallou. "Con este libro puidemos retomar a presenza nas librarías e co público lector, non nun evento multitudinario, como tiñamos planeado, pero si nun encontro triplo "moi entrañábel, entre a lembranza  e a emoción", entre a literatura e a historia da arte.

Coa chegada d'O pintor cego aos andeis das tendas de libros, Kalandraka tamén puxo en marcha a campaña Vémonos nas librarías, coa que continúa. "Son as que peor o están pasando", sinalan desde a editorial, que nas últimas semanas sumou novas achegas. 

Permaxeo, de Eva Baltasar é unha das máis destacada. A poeta catalá estrea en galego a súa primeira novela grazas á tradución de Gonzalo Hermo e ao traballo da ilustradora Sonia Pulido. "A obra forma parte dunha triloxía protagonizada por figuras femininas e complexas nas que fai unha introspección arredor do que senten e de como se senten no mundo". O libro, dirixido ao público adulto, gozou de gran recoñecemento no momento da súa aparición en catalán. 

Será un dos títulos que as librarías exhiban o 23 de xullo, data á que se trasladou a festa dos libros, a canda outras propostas. Neste sentido, o público infantil poderá interesarse por dúas historias novas. A primeira, Atrapamiradas, con texto de Marina Núñez e ilustracións de Avi Ofer, finalista do Premio Compostela 2019. "Este é un libro que chama atención das persoas adultas sobre o uso das pantallas, capaces de absorbernos até o punto de impedirnos estar atentas dunha maneira consciente e directa coa xente que temos perto de nós"; mentres que o segundo, Un rico pastel, de Christian Voltz, é un relato encadeado e rimado de carácter humorístico que convida a gozar da gastronomía.

Axiña nas librarías 

Co mes de agosto chegará ás librarías Melancoholemia. Vida de Mamarracho, un texto de Antón Reixa convertido en espectáculo para a Mostra de Teatro de Ribadavia ambientado nunha institución de saúde mental, "fiel á capacidade do autor para fiar relatos a partir de feitos insólitos e ideas sorprendentes que, á fin, gozan dun sentido abraiante". O libro pasará a integrar a colección Rizomas que Kalandraka estreou o ano pasado coa obra de Pablo Otero, Parece unha formiga, e que acolle propostas peculiares desde o punto de vista plástico e literario.

E dirixida a quen queira gozar da poesía, A ganancia e a perda, o segundo libro de poemas que Martín Veiga encaixa na colección Tambo nos que todos conteñen as dúas palabras destacadas no título. "A ganancia representa a transformación que supuxo para o autor converterse en pai e a perda, os moitos anos de traballo, de investigación e de creación literaria, estragados por un ataque informático que afectou o seu ordenador, e todo, en menos dun ano", resumen desde Kalandraka.

Un verán diferente

O volume de actividade non é igual en todas as casas editoriais. "Sen distribución e coas librarías pechadas, os tres meses de paro que vimos de superar mudou toda a produción", sinala Alfonso Ribas, director financeiro de Laiovento, que pouco a pouco comeza a recuperar o ritmo de publicación. Xa nas librarías propón un dobre achegamento á vida e obra do autor homenaxeado o Día das Letras Galegas. Voz e silencio. Entrevista con Rivardo Carvalho Calero, unha obra de 1991 asinada por Francisco Salinas Portugal reeditada en 2020, ademais de Foula e Ronsel. Os anos que marcaron a biografía de Carvalho Calero (1910-1941)

Na colección Vento Alto, Laiovento vén de editar, tamén, Tres poetas en estado de alarma, de Carlos Negro, Vítor Vaqueiro e Xosé María Álvarez Cáccamo; e na páxina de teatro dúas obras  protagonizadas por mulleres e asinadas no mesmo volume por Raúl Dans, Unha corrente salvaxe e Historia dunha descoñecida.

Estreas e novas coleccións 

Na actualidade, Laiovento traballa na produción de oito novas entregas. Narrativa, poesía e ensaio. Nesta categoría, a editorial compostelá ultima Lingua e sociedade, un texto sobre a normalización e a planificación da lingua galega asinado polo catedrático da universidade da Coruña Xosé Ramón Freixeiro Mato. A obra, resultado de anos de investigación e traballo docente, ofrece unha reflexión na perspectiva de "procurar a vía adecuada para lle garantir un futuro digno como lingua nacional da Galiza ou como lingua propia desta comunidade segundo o actual marco legal", explica o autor.
A canda este ensaio, o catálogo de narrativa medrará coa incorporación de Adolfo, unha tradución de Xosé Manuel Beiras do Adolphe de Benjamin Constant mais de Mociñas, o título galego da novela Little Women, de Louisa May Alcott, coa que a tradutora Rocío Vieitez estreará colección no selo editorial.

Desde Allariz, Aira Editorial prepara para a próxima semana unha única novidade, pendente de dar o salto ás librarías debido ao confinamento. O camiño de Nós é o título da obra que recolle as crónicas dunha peregrinación que fixeron a Santiago de Compostela sete galeguistas históricos no ano 1926. Vicente Rico, Florentino López Cuevillas e Ramón Otero Pedrayo foron parte daquela viaxe que A Nosa Terra recolleu o propio ano da andaina grazas ao relato de Xavier Pardo Bedia, outro dos peregrinos. "O que fixemos foi recompilar esas crónicas nun volume con fotografías de Xulio Gil e ilustracións de Miguel Robledo e Isabel Seidel", apunta César Lorenzo, director da editorial.

Con todo, o responsábel de Aira non deixa escapar outros títulos recentes que o público lector está a tempo de engadir ás súas lecturas de verán, Álbum, "algo máis ca unha colección de momentos mediante a linguaxe da poesía" de Charo Lopes e Carrandiola, un cómic de Luís Carreira 'Aloysius' e Simón Blanco ambientado en Allariz.

Homenaxe a dúas nenas vítimas da violencia de xénero

Mociñas, de Louisa M. Alcott, inaugurará en Laiovento unha nova colección de libros "escritos por mulleres, onde as protagonistas tamén sexan sempre mulleres". Candemaia, que así se chamará, nace da necesidade de expresar voces de mulleres silenciadas, vidas anónimas e historias do cotiá, por medio das cales se quere contar, tamén, a historia de Candela e Amaia -Candemaia-, "dúas nenas inocentes, vítimas de violencia de xénero no ano 2015 en Moraña, Pontevedra". Con esta iniciativa, súa nai, a tradutora Rocío Vieitez, "busca homenaxear e honrar a memoria das súas fillas de forma persoal e da mellor maneira que sabe, traducindo".

comentarios