O derradeiro diálogo de Cobas e Docampo

O pintor cego é a obra póstuma de Xabier P. Docampo. O derradeiro libro que fixo a canda o ilustrador Xosé Cobas, o seu lector "máis comprometido", en palabras da escritora e ilustradora catalá Teresa Durán. Chega ás librarías un diálogo artístico e literario cargado de referencias pictóricas e aprezo persoal.
O pintor cego
photo_camera Ilustracións de Xosé Cobas para o libro 'O pintor cego' (Kalandraka)

Xabier P. Docampo pensaba que "un libro ilustrado precisaba ser concibido coma unha obra conxunta, nacida dun texto literario e unha obra de ilustración que haberían de se ver fundidas nunha unidade narrativa na que texto e ilustración se ven obrigadas a unha interacción que constrúa a obra única". Na súa convicción, o escritor bateu con Xosé Cobas, o ilustrador co que compartiu máis de tres décadas de traballo e amizade.

Dous anos após o pasamento do que fora Premio Nacional (estatal) de Literatura Infantil e Xuvenil, Xosé Cobas presenta da man de Kalandraka O pintor cego, a última obra que fixo en común con Docampo. "Trátase dunha historia antiga que Xabier tiña na cabeza desde había tempo. Acabou de escribila como sempre facía, sen rematala, co texto aberto, pendente de definilo unha vez eu rematase o meu traballo", explica Cobas a Nós Diario.

Mais a Xabier P. Docampo chegoulle a morte antes de que o ilustrador avanzase até o final do libro. "Ía pola metade, e xa había tempo que Xabier non estaba en condicións de facer ningunha incursión sobre o texto. Eu xa lle propuxera introducir A illa dos mortos, do pintor suízo Arnold Böcklin, e animárame a facelo", lembra, ao igual que outras achegas gráficas, resultado das conversas diarias que mantiñan e das moitas viaxes e vivencias compartidas.

O valor das gardas 

Por primera vez, Xosé Cobas  traballou co texto "en estado primitivo", a sabendas de que non había sufrir ningunha adaptación, como era habitual na súa maneira de traballar, "moi complementaria". Custoulle recuperar o texto despois de deixalo repousar un tempo, orfo como se sentía. Mais decidiu sacalo adiante.

Agora, descóbrenos unha obra  chea referencias pictóricas, fieis á súa vocación pedagóxica, mais de referencias artísticas e persoais nos elementos paratextuais do libro. "Eu doulles moito valor á capa, ás gardas. E aí, decidín incluír unha mención ao pintor francés Yves Klein, polo que Xabier quedou fascinado despois de visitarmos xuntos unha exposición no Museo Reina Sofía de Madrid". Unha homenaxe á paixón do escritor e ás historias que nunca chegarán a tecer xuntos.

Referencias pictóricas

O pintor cego transporta as lectoras ao castelo dun rei malvado, cunha fermosa raíña da que se namora o protagonista; personaxes que o ilustrador aproveita para introducir novas referencias pictóricas: o Napoleón de Ingres, O pintor e a súa modelo, de Vermeer; Eros e Psique, de François Gérard; A gratitude infinita, de Magritte; A primavera, de Botticelli; as Pinturas negras de Goya ou a obra de Luis Feito.

"Creo que é unha obra didáctica que se presta para servir de guieiro e introducir todos eses elementos propios da pintura dentro do contexto literario", salienta Xosé Cobas, quen recoñece no libro achegas gráficas que o texto non recolle, "pero das que eu sabía polas conversas que tiñamos".

A falta desa última revisión, que o escritor non puido completar, o ilustrador achega o que Xabier P. Docampo procuraba seguido: "aquilo que eu non dicía no texto, pero que era necesario achegar".

O pintor cego xa está nas librarías da man da editorial para a que foi concibido, Kalandraka.

Comentarios