Estefanía Orgaz e Pedro Orgaz gañan o concurso de Noveis Deseñadores da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña con 'Mitra'
'Ritual de lume e sombra', de Yara González Barral, obtivo o segundo posto do certame, mentres que 'Paint it colors', de Lucía Janeiro, Clara Rey e Antonio Soto quedou en terceiro lugar, e 'Apar' de Onitze Aramburu e Sofía Puertas levou o cuarto premio.
A xornada de clausura da XXXIV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña serviu para coñecer as persoas gañadoras do XXXI concurso de Noveis Deseñadores.
O primeiro premio, entregado pola alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, recaeu nas mans de Estefanía Orgaz e Pedro Orgaz, que conquistaron o xurado profesional coa súa colección Mitra.
O responsábel da planta de Vilán de Stolt Sea Farm, José Figueroa, entregou o premio a Ritual de lume e sombra, de Yara González Barral, que quedou en segundo lugar; mentres que a colección Paint it colors de Lucía Janeiro, Clara Rey e Antonio Soto, que recibiu o premio da responsábel de relacións institucionais de Frigoríficos de Camariñas, Verónica Canosa; obtivo o terceiro posto. O cuarto premio, entregado pola presidenta da Asociación de Empresarios e Promoción Turística de Camariñas, Olga Campos, foi para Onitze Aramburu e Sofía Puertas, con Apar.
Nesta edición repartíronse un total de 4.500 euros en premios divididos do seguinte modo: un primeiro premio de 2.100 euros, un segundo de 1.200 euros, un terceiro de 700 euros, e o cuarto de 500 euros.
Optaron a estes galardóns un total de 38 mozas e mozos que están dando os seus primeiros pasos no mundo da moda. A procedencia dos noveis deseñadores foi moi diversa, formados nas mellores escolas a nivel estatal.
O xurado estivo composto polas seguintes deseñadoras e deseñadores: Modesto Lombra, Charo Carrillo, Ana Cabranes, Claudina Mata e Francisco Basteiro.
Na clausura, a concelleira do Encaixe, Encarna Liñeiro, afirmou que “a Mostra é un evento que conserva a súa esencia máis pura, mais que soubo evolucionar, medrar e adaptarse aos novos tempos sen perder a súa identidade. Hai anos que deixou de ser só un escaparate de artesanía, hoxe é unha pasarela de referencia no mundo da moda”.
No seu discurso salientou que “este ano o noso ‘Mar de Piques’ representou esa forza colectiva, esa artesanía feita de salitre e talento que nos identifica. Porque aquí, entre piques, deseños, libros, concertos e moita emoción... seguimos tecendo o futuro”.
“Levamos días escoitando o son dos palillos, vendo sorrisos, intercambiando palabras co público, cos expositores, coas palilleiras… e todos coincidimos: Camariñas ten algo único. E por iso, volveremos o ano que vén, con novas ideas, novos proxectos e a mesma ilusión de sempre”.

