O escritor Carlos Quiroga faise co Vicente Risco de Ciencias Sociais

O tamén profesor da USC foi elixido polo xurado polo "rigor científico" da súa peza, así como por dirixirse a un "público amplo da Galiza e Portugal".
O profesor e escritor Carlos Quiroga. (Foto: AELG)
photo_camera O profesor e escritor Carlos Quiroga. (Foto: AELG)

O escritor e profesor da USC Carlos Quiroga vén de facerse co XXV Premio Vicente Risco das Ciencias Sociais coa obra titulada A costela galega de Eça de Queirós, un ensaio moi valorado polo xurado.

Segundo fixo público a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), entre os traballos que concorrían ao galardón escolleuse este por estar “ben estruturado” e ter “rigor científico”.

Aliás, ao comunicar o premiado desde a organización destacaron que a peza poida ser gozada por un “público amplo da Galiza e Portugal”.

Isto é así porque Quiroga demostra a orixe galega de Eça de Queirós contando con “abundante documentación”, tanto de carácter administrativo como histórico.

Outro dos puntos nos que fai fincapé o colectivo é o traballo realizado polo autor para deseñar unha xenealoxía que retrata “as relacións comerciais, culturais, sociais e humanas entre o sur da Galiza e o norte de Portugal entre os séculos XVII e XIX”.

Neste caso, como nalgúns outros momentos da historia, “cuestiónase mesmo a idea de fronteira”.

Os accésit, que terán dereito á publicación dos textos, son para Breixo Martins Rodal co escrito Da ría ás Rías Baixas. Paisaxe, turismo e territorio e para Juan Antonio Seara Ferro pola obra O Corpus Christi de Allariz.

Comentarios