O Encontro de Música Aberta da Fundación Paideia Galiza celebra a súa primeira edición na Coruña

O EMA é unha nova iniciativa que nace para sintonizar ao sector musical galego en torno a unha xornada profesional e lúdica aberta a todos os públicos centrada na formación, o debate e o networking.
O I Encontro de Música Aberta nace co obxectivo de impulsar a profesionalización da actividade musical na Galiza. (Foto: Nós Diario)
O I Encontro de Música Aberta nace co obxectivo de impulsar a profesionalización da actividade musical na Galiza. (Foto: Nós Diario)

O vindeiro 6 de novembro chega o I Encontro de Música Aberta á Galiza, coa idea de sintonizar o sector musical galego en torno a unha xornada aberta a todos os públicos centrada na formación, o debate e o networking. A nova iniciativa da Fundación Paideia Galiza terá lugar de 7 a 14 horas, nos Estudios Mans da Coruña.

No programa participarán o artista Abraham Cupeiro -co seu singular espectáculo Resoando no pasado e unha masterclass de creación de instrumentos- e o dúo Soleado, o novo grupo de fusión indie-folk formado polo guitarrista e compositor de Vetusta Morla Juanma Latorre e a cantante e compositora Ester Rodríguez, que participarán nun showcase comentado. 

O diálogo chegará da man de Laura Iturralde, que moderará a conversa creativa Show Must Go On!: da teoría á práctica dos espectáculos en vivo, xunto aos artistas Marta Verde, Teresa Tresandí e Víctor García Aka Death Whistle. Antes, de 7 a 9 horas terá lugar a retransmisión en aberto do programa de Radio 3 Hoy empieza todo, guiado pola xornalista Irene Valiente.

O I Encontro de Música Aberta nace co obxectivo de impulsar a profesionalización da actividade musical na Galiza e de promover o talento musical emerxente, ademais de apoiar o potencial das profesionais como axentes de transformación social. O EMA busca tamén favorecer a participación e a expresión das novas figuras do sector, mellorando os seus coñecementos sobre a industria musical e promovendo as oportunidades de diálogo de artistas con axentes, promotores e outros perfís profesionais relevantes da industria.

O EMA xorde tamén co desexo de pór en contacto os distintos axentes da industria, coa fin de facer visíbel o seu labor como motores do sector. Busca crear as condicións necesarias para que os proxectos musicais emerxentes teñan unha maior capacidade de profesionalización, así como os recursos necesarios para a posta en valor do seu talento e potencial, conseguindo maior visibilidade e presenza no mercado.

Comentarios