Editorial Galaxia publicará un libro inédito de Xela Arias

'Non te amola!' é o nome da publicación, que está previsto poder mercar a partir do mes de marzo. Será unha edición ilustrada por Luz Beloso.
Imaxe de arquivo da poeta Xela Arias. (Foto: Cedida)
photo_camera Imaxe de arquivo da poeta Xela Arias. (Foto: Cedida)

A Editorial Galaxia publicará o libro inédito de Xela Arias, Non te amola!, o vindeiro mes de marzo. A edición está ilustrada por Luz Beloso, dentro da súa colección Libros para Compartir.

No libro “imos atopar unha Xela Arias sorprendente, cunha forza narrativa sobrecolledora”, asegura a editorial. Non te amola! conta cun conxunto de historias unidas por un fío sutil que “nos agasalla unha biografía emocional dunha infancia que se proxecta, vizosa, cara aos nosos días”. 

Luz Beloso é a responsábel de debuxar unha Xela nena que “axuda a entender como foi a súa infancia e os marabillosos acontecementos que, desde a súa ollada infantil, suceden e ela nos conta”, sinalan desde a editorial. 

O texto vai destinado "aos máis pequenos”, pero tamén a “todos os que queiran achegarse á descuberta dunha Arias que se centrou na poesía, mais que tamén quería escribir para a xente miúda para contarlles historias de como foi un tempo, o seu, desde o convencemento de que as grandes aventuras se viven en calquera época”, describen. 

Primeiras palabras

A editorial adianta as primeiras letras do libro: “Agora na primavera fixen nove anos. Son moitos para non procurar nada de proveito na vida, así que vou escribir un libro”. Unhas palabras que “son unha clara declaración de intencións”, destacan.

Non te amola!, aseguran desde Galaxia, está “chamado a ser o acontecemento literario deste 2021, no que se dedica o Día das Letras Galegas a Xela Arias, coñecida como poeta pero non como narradora”. 

A Editorial Galaxia publica o libro nunha das súas coleccións máis emblemáticas, en tapa dura, formato grande e a cor, cunha edición á altura do acontecemento que é a publicación dun inédito da escritora de Sarria. 

Xela Arias Castaño, nada en Sarria o 4 de marzo de 1962, e finada en Vigo o 2 de novembro de 2003, foi unha poeta, tradutora en varias linguas, editora, e profesora de lingua galega. Ligada a Edicións Xerais de Galiza, é recoñecida polos seus poemarios Tigres coma cabalos ou Darío a diario. Este ano 2021 a Real Academia Galega decidiu dedicarlle o Día das Letras Galegas.

Comentarios