A Administración ignora o libro galego

Fundada en 1983, a Asociación Galega de Editoras conmemorará este 2023 os seus 40 anos de existencia a través de varias actividades, cunha publicación e a renovación da súa imaxe corporativa. As feiras internacionais do libro de Boloña, LIBER (Madrid), Frankfurt e FIL Guadalaxara (México) centrarán a axenda exterior da AGE coa contratación e xestión dun espazo propio, sen a colaboración da Xunta de Galiza.

O stand da Asociación Galega de Editores na feira de Frankfurt de 2022.
photo_camera O stand da Asociación Galega de Editores na feira de Frankfurt de 2022.

Incrementar o 17% de cota actual de mercado de libro galego e alcanzar os apoios necesarios, e útiles, para a proxección exterior da nosa edición, "tan necesitada de traspasar fronteiras". Eses son os dous obxectivos que se marca a Asociación Galega de Editoras (AGE) para este 2023, ano en que celebra o seu 40º aniversario. 

"O mercado do libro galego segue sendo débil e as nosas estratexias están encamiñadas a continuar fortalecéndoo", explica Henrique Alvarellos, presidente da AGE, en conversa con Nós Diario. "Menos de dous de cada dez libros vendidos na Galiza son libros en galego, e aquí está incluído o libro educativo. Se restamos eses libros mercados por imperativo académico, as cifras son aínda máis baixas. E nunha situación coñecida de perda de falantes que afecta os que traballamos na cultura galega escrita". 

Nesta tesitura, a AGE continúa sumando forzas cos colectivos que integran a cadea do libro, principalmente a Federación de Librarías da Galiza e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. "Entre todos esperamos poder mudar a situación para incrementar o interese da sociedade e as cifras de vendas". 

As empresas do libro, porén, enfrontan un marco institucional que non axuda. "Este ano, aínda non cobramos as pequenísimas axudas que a Xunta de Galiza outorga á edición. Teriamos que telas cobrado como moi tarde a primeiros de decembro, mais aínda non sabemos nada delas", di Alvarellos, que bota de menos unha mellor comunicación coa Administración. 

 

Internacionalización sen apoio da Xunta 

Pero, continúa Alvarellos, "para a supervivencia do noso sistema literario é tan importante superar estas cifras como conquistar e dialogar con mercados exteriores, propiciar o intercambio con outras culturas". 

A AGE tamén carece neste eido do apoio institucional. Despois de anos de desencontros entre as editoras e a Secretaría Xeral de Cultura no que se refire ao modelo de promoción do libro galego no exterior, AGE decidiu, o ano pasado, asumir a xestión da súa participación nas Feiras Internacionais do Libro, prescindindo da mediación da Xunta, que insiste en organizar e tutelar a presenza do libro nas feiras internacionais e que mesmo chegou a renunciar a acudir ás feiras de Frankfurt, Boloña, Guadalaxara e Barcelona. 

O conflito permanece en punto morto: sen resposta á proposta de participación presentada á Consellaría de Cultura, a AGE volverá participar con espazo propio nas feiras internacionais do libro retomando a presenza en Boloña (Italia), do 6 ao 9 de marzo; Liber de Madrid e Frankfurt, en outubro, e FIL Guadalaxara (México), entre novembro e decembro. 

"De momento, seguimos sen reposta da Xunta ás nosas reiteradas peticións neste campo", revela Alvarellos. "Creo que é unha obriga da Administración contestar de forma áxil a unha asociación que representa 45 empresas: esta situación non é de recibo". 

Na conversa xorde a necesidade dun Instituto que sirva de apoio dunha forma estruturada e organizada ás iniciativas de proxección exterior, como, por exemplo, o Ramón Llúll de Catalunya. 

"Ten que existir un instrumento que permita que a presenza e visibilidade no exterior sexa maior e cunha máis ampla repercusión internacional. Precísase un interlocutor que estabeleza o diálogo cos representantes doutras culturas", afirma o presidente da AGE. 

Non obstante, a Xunta tampouco parece moi proclive a crear unha institución deste tipo, malia as repetidas solicitudes do sector cultural neste sentido. 

 

Corenta anos na defensa do libro galego

A AGE fundouse en 1983 como un mix que xuntaba actores moi variados: Xerais, Alvarellos, Galaxia, Xistral -de Manuel María-, Sotelo Blanco, a Fundación Barrié, a imprenta Neira de Viveiro, a asociación Escola Aberta e a libraría Librouro de Vigo. “O obxectivo era crear un grupo de apoio ao libro galego e a súa constitución espertou unha grande ilusión. Hoxe somos 45 empresas que representamos uns 70 selos diferentes. Medramos e reforzamos unha actividade que non deixa de ser un proxecto de país”. 

Comentarios