A doma do reino da Galiza explicada nun novo volume da Agrupación O Galo
A Agrupación Cultural O Galo presentou esta sexta feira o libro Personaxes da Galiza Medieval IV, co que continúa a materializar a súa contribución á recuperación da memoria histórica da Galiza. Na presentación do volume participaron tres dos autores, Francisco Rodríguez, Ricardo Pichel e Suso Díaz, xunto coa deputada de cultura da Deputación da Coruña, Natividade González.
A temporalidade deste título, igual que a dos libros que o antecederon, circunscríbese aos séculos nos que a Galiza era un reino de seu, e contaba cunha estrutura económico-social protofeudal e logo feudal, que hoxe consideramos definitoria desa época. Cínguese a ese período no que a alta nobreza tiña o obxectivo de formalizar un proxecto político-económico "atlantista" fronte ao "mediterranista" impulsado por Aragón e Castela, en especial até finais do século XV.
Personaxes da Galiza medieval IV fai unha escolma representativa do estado e da evolución do Reino da Galiza do século XV e mostra cal foi o papel da clase dirixente galega naquel momento, a través das estratexias e obxectivos que asumiron.
A doma do reino
Francisco Rodríguez, en conversa con Nós Diario, subliña que a Galiza do século XV "tiña unha dinámica política propia" e, malia que os poderes máis relevantes estaban en mans señores de orixe castelá, "non eran refractarios á tradición da nobreza galega, porque tiña peso económico, relevancia política e prestixio".
Trátase dun século moi complexo que, advirte Rodríguez, "non se pode simplificar, e menos co relato académico dunha nobreza galega espoliadora que é expulsada por unha nobreza castelá pacificadora".
Ao contrario, o século XV é o que contempla a célebre doma y castración do reino da Galiza. "Despois de que, no conflito entre Pedro I e Henrique de Trastámara, a nobreza galega se puxese de parte do primeiro, comezou, despois da derrota, o asentamento da aristocracia castelá e o comezo do proceso de submisión á Castela", explica Rodríguez.
Pero isto non resultaba tan fácil: "por un lado", debulla Rodríguez, "existía o conflito político entre os intereses da nobreza castelá que se impuxo nos postos dominantes e a galega, que seguía operando cun poder suficiente como para derrotala en batallas ou enviala ao exilio. Por outro, un conflito lingüístico que se empregou primeiro como forma de marcar terreo e, logo, como defensa explícita e resistencia fronte a expulsión do idioma propio dos usos formais".
A isto hai que sumar a existencia dunha burguesía moi dinámica e revolucionaria que buscou as alianzas que cría que, en cada momento, poderían beneficiala, malia ser utilizada moitas veces en favor de intereses espurios. "Esas complicadísimas circunstancias son as que propician a aparición de personaxes tan singulares como Pedro Álvarez de Soutomaior, Pedro Madruga, ou o mariscal Pardo de Cela", asegura o autor, que engade que aquel proceso de doma foi longo e non resultou fácil. De feito, non foi até que os Reis Católicos conseguen o control real sobre a Galiza, que se aposta decididamente pola conquista do reino de Granada, o que indica que o galego era o conflito que se consideraba prioritario", conclúe.
Explicar a historia social a traves de personaxes
A obra contén estudos da autoría de Suso Vila -sobre Fernan Eanes de Limia e Pedro Alvarez de Soutomaior-, Ricardo Pichel -sobre Nuno Freire de Andrade-, Carlos J. Galbán Malagón -sobre Bernal Eans de Moscoso e Lope Sanchez de Moscoso-, Miguel Garcia-Fernandez -sobre Diego de Lemos e Maior de Ulloa e Dona Urraca de Moscoso-, e Alexandre Peres Vigo -sobre Pedro Pardo de Cela. Ademais, o texto conta cun prólogo de Francisco Rodríguez, "A Galiza Medieval do século XV".
"O obxectivo" explican desde a Agrupación O Galo, "é utilizar biografías de figuras senlleiras para, a través delas, describir e explicar movementos políticos e sociais que atravesaron a historia do Reino e que, en conxunto, dan un debuxo elocuente da súa relevancia histórica.