O día grande do Entroido culmina un ciclo de rituais naturais e sátira popular
O Martes de Entroido, o día grande da festa, pasou este ano en toda a Galiza coas miradas postas no ceo, coa incógnita de saber se a marea de temporais permitiría que a esmorga se propagase polas rúas, como manda a tradición. E houbo un pouco de todo, pero, en xeral, a climatoloxía comportouse de maneira o bastante clemente como para facultar a festa e a repetición ritual das cerimonias que anuncian a chegada da primavera. Tampouco está claro que o mal tempo fose disuadir a paisanaxe de pasar unha xornada de xolda con tanto avoengo.
O xa ben recoñecido triángulo máxico que forman Xinzo ,Verín e Laza conta como epicentro mediático do Entroido galego, mais xa case non queda un recuncho do país onde non se manteña –ou se recupere– un particular cerimonial de darlle a benvida á estación das flores.
Os desfiles, a presentación en sociedade máis ordenada destas festas, repetíronse nas vilas do triángulo máxico: Verín deu o adeus a Don Carnal até o vindeiro ano, despois dun Luns de Fariñada; Xinzo animou con charangas un cortexo vixiado pola atenta mirada das Pantallas, á espera da solemnidade da procesión da sardiña de hoxe; e Laza puxo fin provisional á festa –aínda queda do Domingo de Piñata– co Testamento do Burro, o Enterro do Entroido e o Loito dos Peliqueiros.
Ritual do habitual
Un ritual que lembra a chegada do bo tempo, viviuse en Cobres, en Vilaboa. Madamas e galáns, danzando polos barrios e adubados con traxes ateigados de cores, lazos e brillos, reproduciron con elegancia un ritual de emparellamento que lembra a obriga darwiniana de perpetuar a especie.
E rituais moi emparentados co de Cobres danse pola mesma zona do Morrazo: en Darbo (Cangas) ou Meira (Moaña). Na parroquia do Hío, en Cangas, celébrase un dos entroidos máis famosos da zona, unha festa histórica moi ritualizada, con visitas a cada unha das parroquias. Na de Nerga, desenvolveuse unha danza cunhas características particulares que vén de ser redescuberta hai pouco polo investigador de Bueu
Guillerme Ignacio.
Personaxes singulares e lembranza da historia
O Entroido ademais dunha celebración que ten as súas orixes no ciclo cósmico de renacer da natureza é tamén o momento perfecto para o axuste de contas máis temido polo poder: a ridiculización pública. Segundo as teorías de Mikhail Bakhtin, esta festa constitúe un "mundo irrestrito" de formas cómicas que se atreve a desafiar o "ton oficial e serio" das institucións. Semella que, por moito que as autoridades garden as formas o resto do ano, no Entroido ninguén escapa ao veredicto da cultura popular.
A variedade de tradicións sinala algúns concellos e as súas figuras máis representativas; desfilaron os troiteiros de Bande e os folións na Veiga; nas Teixugueiras (Cartelle) celebrouse a Carreira do Meco, e no mesmo concello, pero en Sande, desfilaron as Bonitas, o Oso, a Vaca e as Avutardas. En Mugares (Toén), os labardeiros axexaron pola contorna da igrexa; as mázcaras de Maceda de Trives puxeron o prólogo ao xantar do cocido; e en Ourense tivo lugar a Voda da Pita.
Singularides hainas por todas as partes, ás veces cun máis ou menos marcado aroma histórico. En Vigo, por exemplo, os merdeiros —uns personaxes creados polos mariñeiros do Berbés durante o século XIX para ridiculizar os labregos que viñan á ribeira a recoller restos de peixe e algas para usar como abono–molestaron por todas as rúas do centro. E, en Pontevedra, celebrouse a Noite Pirata, que homenaxea Benito Soto, pontevedrés hábil nas artes da abordaxe que, parece, inspirou a célebre "Canción del pirata", de Espronceda.
A orixe histórica doutro dos grandes clásicos do Entroido galego, os Xenerais da Ulla, é algo máis neboenta, pero parece que se remontan a un momento histórico do século XIX no que os exércitos tiveron un certo protagonismo: a invasión do exército napoleónico, a revolución do 1846 ou as guerras carlistas. Os fermosamente uniformados xenerais desfilaron polas rúas da comarca para dar fe da mestría das súas indumentarias, cando non da súa marcialidade.
O cósmico e o satírico
Nunha época na que o "eu, meu, comigo" parece ser a única relixión oficial, o Entroido galego preséntase como un sinal de identidade colectiva. Máis alá de ser unha simple escusa para o sempre saudábel reencontro festivo, insiste en render homenaxe aos ciclos da natureza, algo que moitos xa só ven a través de filtros de Instagram.
E a súa cara máis "perigosa" non reside nos excesos, senón na súa capacidade de utilizar a sátira como ferramenta para burlar autoritarismos e tempos escuros. Nun mundo de pantallas e illamento, o Entroido aparece como un ritual de volta ás orixe, obrigándonos a lembrar que somos parte de algo máis grande que, xustamente, aparece ao pórmos unha máscara para rirnos de todo, empezando por nós mesmos.


