O Entroido e 'Mad Max'
Hai uns días estiven en Bulgaria, xunto a compañeiras da Sociedade Antropolóxica Galega, para acudir ao Surva, o festival internacional das mascaradas que cada ano se celebra na cidade de Pernik. O Surva é un dos festivais máis importantes do mundo en canto a divulgación dos entroidos e mascaradas invernais e este ano contou coa presenza galega dos entroidos de Samede (Paderne, As Mariñas) e de Sande (Cartelle, Terra de Celanova) que foron as únicas representacións de España. Que o noso Entroido estea presente neste festival xunto coas mascaradas máis significativas de Europa é de suma importancia para a proxección exterior da nosa cultura. Por iso é de agradecer que, tanto os amigos de Samede, que tiveron a ben convidarnos a ir coa súa delegación, como os amigos e amigas do Entroido de Sande, decidiran investir o seu tempo, esforzo e cartos persoais para ir ata Bulgaria representar o mellor da nosa cultura. E digo que é de agradecer o seu esforzo porque nin unha nin outra delegación recibiu un peso das nosas administracións para sufragar os gastos que tal viaxe implica. É curioso que a resposta de Turismo de Galicia á solicitude de axuda para ir representar o país no festival de mascaradas máis importante de Europa fose que "non existen fondos para ese concepto". É dicir, non hai fondos asignados para a promoción e proxección da cultura galega no exterior, o cal non deixa de ser paradoxal cando moitos entroidos están declarados de interese turístico.
É curioso que a resposta de Turismo de Galicia á solicitude de axuda para ir representar o país no festival de mascaradas máis relevante de Europa fose: "Non existen fondos para ese concepto"
Tendo en conta que o Entroido vén de ser declarado patrimonio cultural inmaterial de Galiza e que esta figura legal de protección e recoñecemento leva implícita a obriga pública da súa conservación, investigación e promoción non estaría de máis que as nosas autoridades cumprisen coas obrigas das súas propias declaracións e empezasen a destinar os cartos que o Entroido (como festa ritual máis significativa, complexa e fonda da nosa cultura) se merece, e que as comunidades de portadores conten co apoio institucional e económico que merece o legado cultural do que son valedoras. É certo que algúns dos entroidos pertencen a parroquias ou aldeas de concellos moi pequenos e con poucos recursos, o que fai comprensible que non sempre conten coa axuda municipal necesaria, pero para isto están tamén as deputacións provinciais que, como representantes do Estado, teñen a obriga da promoción da diversidade cultural de España. Non esquezamos que o Plan Nacional de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial afonda na importancia de valorizar o protagonismo das comunidades e grupos na promoción, transmisión, formación e difusión das manifestacións inmateriais da cultura. Pero, sobre todo, é a Xunta de Galicia quen debe e ten a obriga do fomento da cultura e da investigación en Galiza e da defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego, tal e como establece o Estatuto de Autonomía de Galicia nos seus artigos 27, 19 e 32 e tal e como se deduce da Lei 5/2016 de 4 de maio do Patrimonio Cultural de Galicia.
Todos os nosos entroidos
En Bulgaria vin mascaradas e entroidos de Grecia, Macedonia, Serbia, Polonia, Eslovenia ou Italia, entre outros. Vin as mesmas formas estéticas, personaxes, máscaras, ritos que temos no noso Entroido. Vin vacas trucando a xente, como a Marela de Maceda ou a Morena de Laza; vin osos como o de Salcedo ou o de Sande; vin mulas como a de Viana do Bolo; vin parodias de sacerdotes ortodoxos, xente travestida, vellos e vellas, máscaras farrapeiras, pelicas, chocas, tanxer de bombos, danzas, traxes de bonitos, de feos, madamas, galáns, máscaras punitivas, vin farrapadas, fariñadas, emborrallar a xente pola rúa... Vin todo o que temos nos nosos entroidos, pero a diferenza é que eses ritos e personaxes que destacan como elemento principal ou único nunha mascarada búlgara ou croata en Galiza témolos todos xuntos, temos a panoplia completa de ritos e oficiantes de todas as mascaradas e entroidos de Europa. E iso fai do noso Entroido algo único no mundo.
Esta grave ausencia de apoio e promoción faime pensar se realmente hai alguén na xestión pública da cultura galega que saiba o valor do que ten entre mans. Cando penso na magnitude da nosa cultura, na fondura do noso patrimonio inmaterial, no tesouro do noso legado como pobo non podo evitar pensar que nos tocou a lotería e que non queremos cobrar o boleto. Ese descoñecemento que xera inacción faime lembrar o que me comentou o taxista madrileño que me levou a Barajas. Cando lle dixen que ía a Bulgaria para documentar unha mascarada, el respondeume: "Ah si, como en Venecia", ao que eu lle dixen, "bueno, algo más tradicional, más rural y arcaico". Tras un silencio reflexivo espetoume: "Ahh, como en Mad Max". Pois iso, como en Mad Max. Ese debe ser o nivel de coñecemento do noso Entroido que se manexa nas esferas do poder público, e así nos vai.