A despedida tras a despedida: o mundo do rock chora a morte de Ozzy Osbourne, fundador de Black Sabbath
Tan só dúas semanas despois do concerto de despedida e reencontro de Black Sabbath, baixo o título de Back to the Beginning (Volta ao Comezo) e que se celebrou o 5 de xullo en Birmingham (Reino Unido), o cantante da estratosférica banda británica, Ozzy Osbourne, faleceu esta terza feira 22 de xullo.
"Cunha tristeza indescritíbel, informamos do falecemento do noso querido Ozzy Osbourne esta mañá [a da pasada terza feira]. Estaba coa súa familia, rodeado de moito agarimo", afirma o comunicado da súa familia, que sen dúbida recolle un sentimento compartido por toda a comunidade do rock.
O cantante, que fundou Black Sabbath en 1968, revelou hai cinco anos o seu diagnóstico de párkinson, unha enfermidade que lle impedía camiñar, algo que non evitou que acudise á despedida e reencontro dun concerto que ficará para a historia, e no que desenvolveu a súa última actuación sentado nun enorme trono.
Como se fose unha noite premonitoria deste triste desenlace e como se o destino quixese darlle unha última despedida rodeada de estrelas, Osbourne compartiu escenario o pasado 5 de xullo coas actuacións doutros grandes clásicos como Guns and Roses ou Metallica, que non quixeron perder a última cita de Black Sabbath.
"Sen Sabbath non existiría Metallica. Grazas, mozos, por darnos un propósito na vida", dixo ese día o líder de Metallica, James Hetfield, desde o escenario, en agradecemento á banda que sentou as bases do heavy metal.
O concerto foi ademais o esperado reencontro dos compoñentes de Black Sabbath —Osbourne, Tony Iommi, Terence 'Geezer' Butler e Bill Ward—, quen tocaban por primeira vez nun escenario de maneira conxunta desde 2005. "Non tedes nin idea de como síntome. Grazas de todo corazón", dixo Osbourne ao público.
Fama e polémica
A vida de Osbourne estivo rechea de fama, mais tamén de polémica, con episodios nos que ten lanzado carne crúa á audiencia ou o famoso momento no que arrancou cos dentes a cabeza a un morcego. Cuestións como esta levárono ao arrepentimento por algunhas das súas actitudes, algunhas delas convertidas en verdadeiras lendas do desenfreo do rock and roll.
"Fixen cousas malas na miña vida. Pero non son o diaño", afirmou na súa biografía Eu son Ozzy, publicada en 2010 e na que se definiu como "un mozo de clase obreira" que deixou o seu traballo na fábrica "e foi en busca dun bo intre". Na súa procura, creou un grupo que fixo historia e atopou a fama a nivel mundial e tamén puxo voz a temas comprometidos ou antibelicistas como 'War Pigs'.
A finais dos setenta, a súa vida de excesos e adiccións provocou a súa expulsión da banda que lideraba, na que foi substituído por Ronnie James Dio e á que non volveu até finais dos 90. Entre 2002 e 2005, o cantante mostrou unha nova faceta ao protagonizar un exitoso reality show coa súa familia que se chamaba The Osbournes.
Co alcume do 'Príncipe das Tebras', ao longo da súa extensa carreira chegou a vender máis de 100 millóns de discos en todo o mundo. Gravou nove álbums con Black Sabbath, entre os que destacan Master of reality ou Paranoid, ademais de 11 publicacións en solitario, como Blizzard of Ozz, coas que tamén foi líder de vendas.