Fai un chamamento á colaboración da veciñanza

A Deputación de Pontevedra recompila con 'Cae de Caixón' documentos da ditadura

A deputada María Ortega (Foto: Deputación de Pontevedra)

A Deputación de Pontevedra pon en marcha a campaña 'Cae de Caixón' para recompilar no Arquivo Provincial imaxes e documentos de familias ou entidades privadas relacionados coa memoria. A nacionalista María Ortega destaca que os feitos relacionados co golpe do 36 e coa ditadura "non poden seguir baixo chave". 

O departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra vén de pór en marcha a campaña "Cae de Caixón". Trátase dun programa de captación e recompilación de fondos privados (imaxes, cartas e documentos) que poidan ter interese para a poboación pola súa relación co golpe de Estado de 1936, co tempo inmediatamente anterior ao golpe, ou co propio período da ditadura. 

A institución pretende incorporar o material recadado ao Arquivo da Deputación, e de maneira pública difundir a memoria tanto á sociedade e  como ao persoal investigador.

Segundo a deputada de Memoria Histórica, María Ortega, moitas familias e entidades teñen "alfaias de interese público que deben saír do caixón: a foto do avó que estivo preso cando era novo, ou da avoa na época en que foi rapada". Para a familia, subliñou, "son só fotografías dunha persoa querida, pero para o resto da sociedade son parte da historia dun tempo que non podemos esquecer". 

Con esta campaña, a Deputación pretende que o Arquivo Provincial "se converta no gran lapis de memoria que recompile toda a memoria histórica que agora fica espallada nas casas e tamén nas institucións", asegurou a nacionalista. "Para nós 'cae de caixón' que a memoria non pode seguir oculta baixo chave", dixo insistindo no nome da campaña e facendo un chamamento á colaboración "xenerosa" da veciñanza. 

Ortega explicou que "Cae de Caixón" naceu da confluencia de dúas vontades: a da propia Deputación, que "quere nutrir o Arquivo co maior número de material relacionado coa memoria que sexa posíbel", e a da veciñanza, "que moitas veces é consciente de que ten na casa material de interese para a investigación da memoria histórica, pero non sabe como canalizalo".