CONTRACULTURA

David Rodríguez: "Estamos nunha época apagada, mais hai estrelas como 'Nós Diario' que fan anos e faros que dan luz"

Este sábado Nós Diario chegará acompañado dunha publicación especial: o Anuario 2024. A capa é autoría do deseñador gráfico e escritor David Rodríguez (Vigo, 1975). Na súa creación plasma unha noite escura de marea alta e a luz dun faro que recolle a esencia do ano 2024 e anticipa o quinto aniversario de Nós Diario, xornal no que o propio David Rodríguez escribe semanalmente na sección de opinión.

 

O deseñador gráfico e escritor David Rodríguez. (Foto: Nós Diario)
O deseñador gráfico e escritor David Rodríguez. (Foto: Nós Diario)

—Como deseñador gráfico e escritor, que tipo de narrativa visual e inspiracións atopamos na capa do Anuario 2024?
A capa está inspirada no estilo do pintor galego Urbano Lugrís, que retrataba moitas escenas marítimas e traballaba con liñas limpas e cores non moi rechamantes. Tamén decidín decantarme por ese estilo porque é  un tipo de ilustración que se adapta moi ben ao debuxo dixital que se practica agora.

A idea tamén medrou porque me gusta moito como realizan as portadas publicacións como The New Yorquer, que adoitan botar man de ilustracións e que aquí non é algo moi habitual, mais queda moi ben sobre todo en contidos culturais ou políticos. Entón mesturei esas dúas ideas de tentar facer unha ilustración inspirándome nese tipo de estilo e contidos, mais entrando en diálogo coa tradición ou a imaxinería da Galiza e o mar.

O barco é outra metáfora do propio xornal porque é un proxecto que non conta con todo o vento a favor

—Na capa pódense observar elementos como un faro, o mar, un barco e as estrelas. Como se relacionan estes coa identidade de Nós Diario?
Non é un simbolismo completamente fechado. Neste caso os elementos máis destacábeis son as estrelas, que son cinco, os anos que celebra Nós Diario, que é leitmotiv do anuario. O faro e o feixe de luz fan mención á iluminación do mundo que se supón que ten que ser a tarefa dun medio de comunicación digno. A función dun medio é verter luz sobre a realidade e que sirva de guía para moverse. Polo que o faro encarnaría o xornal e o feito de informar.

O barco é outra metáfora do propio xornal porque é un proxecto que non conta con todo o vento a favor; ten moitas cousas en contra como o tratamento dos poderes públicos galegos ou a falta da axuda pola preservación da lingua, aínda que é o único xornal que está integramente en galego. Ese barco ten que estar aí capeando as ondas e os temporais conseguindo manterse a flote e movéndose cara adiante.

—Os aniversarios soen ser celebracións luminosas e rechamantes. Por que utilizar un panorama nocturno, unicamente alumeado pola luz dun faro?
Porque vivimos tempos escuros e aínda así hai feixes de luz e barcos que navegan. Tampouco é algo que fixera de forma moi reflexionada, mais quixen plasmar de maneira visual os tempos que nos tocan vivir. Estamos presenciando unha época apagada, mais hai estrelas que cumpren anos, barcos que navegan e faros que seguen dando luz. É unha boa construción dun aniversario; sen hipérboles, tendo en conta o complicado de todo e o que ven en contra.

Estamos nun momento de auxe de fascismos, de desesperanza e impotencia para cambiar as cousas. E malia todo ese pano de fondo sombrío o que queda é navegar

—Como resumiría 2024 e que lle pide ao ano novo?
Este ano, aínda que levamos varios nesta situación, pode resumirse como caótico a nivel mundial, tendo ecos tamén na política local. Estamos nun momento de auxe de fascismos, de desesperanza e impotencia para cambiar as cousas. E malia todo ese pano de fondo sombrío o que queda é navegar, como o barco da capa, e seguir cara adiante.

Non sei se o vindeiro ano será mais luminoso que este 2024, mais dado o contexto resistir é vencer. O que lle pido ao ano 2025 é que sigamos resistindo como mínimo, se non podemos avanzar que, polo menos, non se dean pasos cara atrás.

Comentarios