Dakidarría publica 'Colaxe', un tributo aos seus 18 anos

A banda Dakidarría promociona 'Colaxe' (Foto: Dakidarría).
A banda Dakidarría volverá aos escenarios nunha nova xira en eléctrico após presentar 'Colaxe', o seu novo traballo, que conta con numerosas colaboracións de bandas e artistas.

Dakidarría publica Colaxe, o seu novo disco. Un total de 10 temas cos que a banda fai unha homenaxe á súa carreira, así como a todas aquelas diferentes subculturas e estilos musicais dos que foron bebendo durante os seus 18 anos de historia.

É o sexto disco de estudio de Dakidarría, nacido da parada obrigatoria pola pandemia, composto a distancia e totalmente autoproducido pola banda galega.

Cada estilo musical convértese nunha peza da colaxe que é Dakidarría, grupo inclasificábel que fixo da mestura estilística a súa bandeira; ao mesmo tempo que transmite unha mensaxe de humildade, rebeldía, alegría e de compromiso social.

Colaxe conta con numerosas colaboracións de bandas e artistas como Boikot, Evaristo (La Polla Records), Inadaptats, High Paw, Xavi Solano (Esne Beltza), En Tol Sarmiento, Menina Arroutada e algunhas máis.

Destaca a canción Pobo de Artistas onde a banda, en coautoría con Tanxugueiras e O Rabelo, pon en valor a escena musical galega actual cantando xunto a case 100 grupos e artistas do país. 

O álbum foi gravado na Carpintería, estudio de gravación aberto o pasado ano por Dakidarría e polo que xa pasaran algunhas bandas a rexistrar a súa música. Mesturouse e masterizouse en Santa Cruz Recording Studios de Oleiros por Alber Castro, técnico de son da banda desde hai máis dunha década.

Coa ampliación da súa formación, a agrupación musical retoma os escenarios neste 2022 para descargar a emoción, a enerxía e a adrenalina dos seus concertos en todos os lugares que sexa posíbel, nunha xira de concertos que volve ao formato eléctrico, após dous anos de acústicos motivados pola situación de pandemia.

Novas caras que darán máis fluidez e dinamismo a un show que, "se antes era incendiario, agora pasa a ser explosivo", sinalan desde a banda.