Curtocircuíto volverá ás rúas de Compostela no mes de xullo

O festival de cinema volve ás datas estivais dos seus comezos. 
Unha sesión dunha edición anterior do Curtocircuíto. (Foto: Curtocircuíto)
Unha sesión da edición do Curtocircuíto do ano pasado. (Foto: Curtocircuíto)

O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto, organizado polo Concello de Santiago de Compostela, chega á súa vixésimo segunda edición cunha renovación de modelo e un adianto de datas. O evento decorrerá entre o 1 e o 6 de xullo e volve ás rúas coa proposta de xerar espazos de intercambio entre a cidadanía e os artistas nos que compartan e reflexionen sobre o seu traballo.

O director artístico de Curtocircuíto, Pela del Álamo, apunta que devolver o festival "ao seu formato orixinal é un bonito reto que sen dúbida abrirá" o evento "a un público máis diverso. Os cinemas de verán historicamente foron un espazo ideal para facer comunidade e propiciar a convivencia entre veciñanza e visitantes, achegando a cultura e o pensamento de forma accesíbel e interxeracional".

A concelleira de Capital Cultural Míriam Louzao, destaca a súa "aposta firme polos novos talentos, pola educación no pensamento crítico e pola creación de comunidade a través dos filmes", alén do seu compromiso coa “accesibilidade do cinema, a súa concepción como acto colectivo e como parte esencial da cultura entendida como dereito".

O novo modelo de festival combinará a súa programación nas sedes habituais coa presenza no espazo público de Compostela. As prazas e as rúas da cidade servirán como anfiteatros naturais nunha aposta por devolver o espazo público á cidadanía e ofrecer alternativas á imaxe máis turística da cidade.

Ademais de manter as seccións habituais, o encontro e convivencia entre artistas, cineastas e público serán o punto de partida para xerar lugares de debate, reflexión e coexistencia co público fóra das estruturas competitivas.

Comentarios