Curtocircuíto aposta no cinema como “arma de expresión crúa e sincera” no seu ecuador

No marco da axenda complementaria do Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela, hoxe decorrerá a actuación da banda Verde Prado, cunha proposta musical en éuscaro. Tamén tocarán os galegos Crnds & Álvaro Chior A/V & Fransy González. Este evento decorrerá a partir das 22 horas na igrexa da Universidade. Para a cuarta feira tamén está prevista unha homenaxe á artista galega Enar de Dios.
Público agardando para entrar nun pase esta segunda feira. (Foto: Aigi Boga)
photo_camera Público agardando para entrar nun pase esta segunda feira. (Foto: Aigi Boga)

Curtocircuíto, o Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela, chega ao ecuador da presente edición cunha programación “moi potente de contidos” entre os que destaca o repaso á filmografía do director de cinema Yann Gonzalez, que de feito visitará a cidade o día 9 de outubro. 

Na proxección integrada na axenda desta cuarta feira, que comeza ás 18 horas, incluirán dous primeiros filmes: Les rencontres d’après minuit (2013) e Les astres noirs (2009). 

En paralelo, está previsto que ás 20.15 horas principie a sección competitiva Penínsulas, na que se poderán ver numerosos proxectos cinematográficos. Os primeiros serán Future Food, de Gerard Ortín; Paraíso de Marina Lameiro e Maddi Barber e Unicornio da cineasta Irati Gorostidi. Este apartado do festival pon o foco no cinema de autor dentro de España. 

Homenaxe a artista galega Enar de Dios

Por outra banda, tamén comeza a sección Terra, que nesta ocasión homenaxeará o traballo da artista ourensá Enar de Dios, que vai participar no debate posterior ao pase. 

A obra desta creadora galega camiña entre o traballo museístico, o ensaio e o expositivo. A sala Numax (situada na rúa de Concepción Arenal, 9) acollerá a partir das 19.34 horas o visionado de Liquid Ground e The sea is History.

Títulos de "expresión crúa"

Outra das propostas para esta cuarta feira é a charla cos directores franceses Caroline Poggi e Jonathan Vinel, que formarán parte da axenda da sección Púlsar. Como referentes do cinema que é utilizado como “arma de expresión crúa e sincera”, esta quinta feira ocuparán a gran pantalla en Compostela seis das súas creacións: Toys on Fire; Le malentendu; Notre amour est assez puissant; Notre héritage; Martin Pleure; e Chiens

Aliás, dentro desta nova xornada do Curtocircuíto ofrecerá un relatorio David Domingo aka Stanley Sunday, que falará co público após o pase de Stop ás 17 horas no Salón Teatro. 

Dentro da vertente destinada a outras disciplinas artísticas, decorrerá un concerto de Verde Prato, unha proposta en éuscaro, á que se suman os galegos Crnds & Álvaro Chior A/V & Fransy González. Neste caso a cita é ás 22 horas na igrexa da Universidade.

Comentarios