Curtocircuíto achega risco a esta edición para blindar a súa maridaxe artística

O festival de cinema decorrerá en Compostela do 2 ao 10 de outubro
Un momento da presentación decorrida esta quinta feira en Compostela. (Foto: Pixi Arnoso)
photo_camera Un momento da presentación decorrida esta quinta feira en Compostela. (Foto: Pixi Arnoso)

“Curtocircuíto 2021: revisando as artes desde o teórico ata o visceral”. Con unha declaración de intencións é como se presenta a nova edición do Festival Internacional de Cine -do 1 ao 10 de outubro-, que terá unha “programación arriscada” que procura achegar distintas disciplinas a un “punto de encontro de todas as artes”. O obxectivo, ao final, será blindar esta proposta que vai máis alá do audiovisual e que segue a crecer cada ano. 

Na presentación oficial decorrida esta quinta feira, destacouse que o director Yann González “será o protagonista da retrospectiva desta edición e a sección Púlsar centrarase no traballo dos cineastas Caroline Poggi e Jonathan Vinel, referentes dunha nova onda de cineastas que entenden o cinema como arma de expresión crúa e sincera”. 

Se xa se sabía que a Sección Oficial -dividida en dúas categorías- contará con 39 películas, das que varias son estreas absolutas, a organización subliñou hoxe outras apostas diferentes. 

“Consolídanse os proxectos interdisciplinarios coa residencia Curtocircuíto da fotógrafa Bandia Ribeira e o comisariado dos artistas sonoros Paciencia, a bailarina neerlandesa Sau- Ching Wong e a artista visual galega Ak-zi-å”, indicaron en rolda de prensa. "Aínda que o festival comezou con curtametraxes, agora temos longametraxes e todo un conxunto de disciplinas que conforman o cine en si mesmo", aclarou o director deste certame, Pela del Álamo. Desta forma aludiu á literatura, á fotografía, á música e á escenografía, entre outras artes. "Todo isto produce un diálogo máis rico, fornece unha perspectiva máis completa para achegarnos ao diálogo cinematográfico na súa totalidade", remarcou. 

No decorrer da comparecencia non só se falou de artistas, senón tamén dos xurados que decidirán os galardóns nas diferentes seccións competitivas. 

Participarán desta forma a cineasta francesa Caroline Poggi, a quen se adica a sección Púlsar; o director arxentino Alejo Franzetti, que forma parte do equipo de selección de Berlinale; a cineasta e produtora Leire Apellaniz; e Gonzalo de Pedro, director artístico de Cineteca-Matadero. 

Tamén estarán Nuria Cubas, directora de Filmadrid; o realizador Santos Bacana; a alemá Anna Henckel-Donnersmarck, directora de Berlinale Shorts; e a artista ourensana Enar de Dios. As diferentes actividades, programadas do 2 ao 10 de outubro en Compostela, decorrerán no Teatro Principal, o Salón Teatro e a sala Númax. 

Comentarios