A curta galega 'Abellón' proxectarase no Festival de Cinema de Moscova

O filme de Fon Cortizo foi premiado polo público no Zinebi de Bilbo.
Fotograma de 'Abellón' de Fon Cortizo. (Foto: Fon Cortizo)
Fotograma de 'Abellón' de Fon Cortizo. (Foto: Fon Cortizo)

A curtametraxe Abellón, de Fon Cortizo, foi unha das doce curtas internacionais seleccionadas –de entre 1.600 obras recibidas– para participar na competición oficial de curtametraxes do Festival Internacional de Cinema de Moscova (Rusia), onde se proxectará o 23 de abril.

A curta xa participou na competición internacional do Zinebi de Bilbo –cualificador para os Premios Goya–, na sección 'Un impulso colectivo' do D’A Festival Cinema Barcelona e no Ibiza Cine Fest –que tamén cualifica para os Goya–.

Abellón parte dun exercicio de dó para expandirse cara a unha exploración máis ampla sobre a memoria e os soños. Premiado polo público en Zinebi, o filme narra a historia dun apicultor que traballa entre abellas e palabras, e dunha moza cega que practica a esgrima. Cortizo revela que a peza naceu como un documental sobre o seu avó de 102 anos, quen falecera durante o proceso, o que modificou o rumbo do proxecto.

"O tema da cegueira estaba presente desde o inicio”, explicou o director a Nós Diario, ao afirmar que se preguntaba “como soñan os cegos de nacemento”. Lucía, unha artista cega, deixou a pegada da súa experiencia na curta.

Un dos aspectos máis innovadores de Abellón é a súa aposta pola accesibilidade a través da audiodescrición, ferramenta básica para garantir o acceso ao cinema por parte de persoas cegas.

Fon Cortizo (Vigo, 1978) recibiu coa súa primeira longametraxe de ficción, 9 Fugas, o premio á mellor película internacional no Festival de Xixón en 2020. Nos últimos anos escribiu e dirixiu diferentes curtas e documentais, e actualmente dirixe a residencia de desenvolvemento de proxectos cinematográficos 'Conecta Lab', na illa de San Simón.

Comentarios