As cruces de pedra na Galiza como marca das relacións culturais entre Fisterras

Visitantes na inauguración da mostra, onte en Compostela. (Foto: Arxina)
O Museo do Pobo Galego inaugurou onte unha exposición bibliográfica que conmemora os 75 anos da primeira edición de 'As cruces de pedra na Galiza', a última obra publicada por Castelao, na que se mostra pioneiro no estudo das culturas atlánticas. 
 

O 25 de xullo de 1934, Castelao lía o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega. Baixo o título Os cruceiros de pedra na Galiza, o rianxeiro presentaba, por primeira vez en público, o resultado das súas pescudas sobre "un aspecto da arte popular aínda non encetado por ninguén: os cruceiros galegos. Descubrín nos cruceiros un aspecto da nosa arte popular aínda non estimado como cousa importante", como el mesmo explicaría anos despois.

O interese de Castelao polos cruceiros viña de lonxe. Probabelmente comezou a recoller información sobre eles en 1924, cando se responsabilizou da Sección de Artes e Letras do Seminario de Estudos Galegos (SEG). Desde esa data, Castelao comeza a copiar a lapis os cruceiros de Pontevedra e da súa comarca como traballo de documentación para o libro.

Pasarían dez anos até aquel discurso de ingreso na Academia, e aínda outros quince até que, por fin, o volume puido ver a luz en decembro de 1949, cando, Rodolfo Prada, Xosé Núñez Búa e Luís Seoane organizaron a edición do libro en Bos Aires.

No seu leito de morte, un Castelao xa moi deteriorado pola enfermidade puido asinar os primeiros pregos da obra. Conscientes os seus amigos do seu estado, adiantaron a impresión dos primeiros pregos para que puidese asinar os seis exemplares especiais e os cento un numerados. "Lévanllos coa desculpa de que é máis cómodo para el asinalos soltos que non co libro armado. Castelao sorriu", escribe Miguel Anxo Seixas Seoane na súa monumental e imprescindíbel biografía Castelao. Construtor da Nación (Galaxia). 

Non foi quen de ver o que había de ser o seu derradeiro libro publicado. De feito, trátase dun libro póstumo, xa que o 7 de xaneiro, cando falece o autor, a edición do volume aínda non estaba rematada de todo.

As cruces de pedra das Fisterras

O Museo do Pobo Galego inaugurou onte unha mostra bibliográfica que quere homenaxear ao polígrafo de Rianxo, tomando como punto de partida os 75 anos pasados desde a edición de As cruces de pedra na Galiza. A exposición que inclúe fondos do propio museo e diferentes obras cedidas por socios e patróns, permiten que as persoas visitantes se fagan unha idea da proliferación de estudos sobre as cruces de pedra nas distintas Fisterras atlánticas europeas.

"Aproveitamos un pouco o feito de que a Xunta da Galiza vén de declarar 2025 como Ano Castelao para anticiparnos un pouco", explica Lois Ladra, director do Museo do Pobo, pola responsabilidade que o museo ten, polo feito de que aquí está enterrado Castelao e pola enorme transcendencia que a súa figura ten para a nosa cultura. E por outro lado, tamén quixemos retomar ese desafío que el lles lanzou as xeracións vindeiras de facer un estudo comparado das cruces de pedra das diferentes Fisterras europeas".

Foi en 1929 cando Castelao viaxou á Bretaña, coa súa dona, co propósito de estudar os cruceiros bretóns, posto que el estaba convencido de que existía unha estreita relación entre as diferentes cruces existentes no mundo celta, como consecuencia das afinidades culturais entre estes países. Daquela obra, de feito, nacería o seu estudo As cruces de pedra na Bretaña, publicado polo SEG en 1930.

A exposición do Museo do Pobo Galego, consecuente con esa convicción do autor, mostra diferentes estudos realizados neses territorios (Bretaña, Irlanda, Escocia, Cornualla...) sobre as súas cruces de pedra, ademais de volumes que reflicten as relacións que cada unha delas mantén coa Galiza. 

A mostra, que estará patente até o vindeiro 29 de decembro salienta esa dimensión atlántica e europea do estudo de Castelao, que se revela talvez como continuación do seu interese por atopar unha estética de raíz popular que puidese ser trasladada á modernidade. Unha preocupación da que é testemuña o seu Diario. 1921, onde vai recollendo as impresións que lle transmiten as diferentes tendencias artísticas europeas da altura e no que se manifesta moi receptivo ante aquelas que se inspiran en elementos populares e que mostran unha preocupación ideolóxica polas clases máis desfavorecidas, como o futurismo ou expresionismo.

"Castelao tiña esa convicción de que as cruces de pedra había que estudalas nun marco europeo e, efectivamente, coincide que as maiores densidades deste tipo de obras se dan nesas fisterras atlánticas", sinala Ladra. "É un tema interesantísimo no que el foi pioneiro e que, en realidade, aínda está por estudar. As cruces de pedra de cada un dos territorios están razoabelmente estudadas e catalogadas, pero aínda non se fixo ese grande estudo comparativo que as poña en relación. É complicado, porque se precisa un financiamento considerábel –lembremos que Castelao pode ir á Bretaña grazas a unha bolsa de estudos– pero o noso obxectivo con esta mostra é, sobre todo, que o público teña coñecemento sobre este tema que até o de agora non fora tratado. E humildemente, creo que quen podía e debía facelo era este museo". 

Unha edición realizada á sombra da norte

O manuscrito orixinal de As cruces de pedra na Galiza entraba na imprenta López de Bos Aires en agosto de 1949. Os 55.000 pesos que custaba a edición estaba sufragada por 36 persoas, entre elas algúns amigos de Castelao que habían de facer parte da historia da Galiza: entre outros, Antón Alonso Ríos, Xosé Núñez Búa ou Rodolfo Prada.

O libro nacera en 1924, a raíz da entrada de Castelao no Seminario de Estudos Galegos, e a súa xestación e realización levara anos de estudo, pero en 1946 xa estaba listo para editar.

O seu círculo máis próximo era consciente de que aquela había de ser a última obra publicada por Castelao, e por iso multiplicaron os esforzos para que puidese ver a obra rematada e para que esta tivese a repercusión que merecía. Fernández del Riego, por exemplo, escribía en outubro a Otero Pedraio que ían estudar "por medio de [a editora] Sept, o xeito de importar catrocentos ou quinientos exemplares pra vender por Galicia".

Escribiu Eduardo Blanco Amor: "Morreu agarimando o seu nacente fillo de papel e o vere o seu espreindor material esquecíase da morte e decianos co aquel seu sorrir de neno grande ou de anxo vello, que lle durou tanto como lle durou o sentido:

—Parece que vai ben isto, non?".